A carreira e andaina comezou ás 12.00 horas, cunha participación de case 700 persoas. A organización agradeceu aos monfortinos e monfortinas a súa implicación con esta causa solidaria, que recada fondos para a atención a pacientes e familiares e para a investigación oncolóxica.
O percorrido partiu da Explanada da Compañía para continuar pola rúa Compañía, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro, Reboredo cara ao centro da cidade, Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure, Compañía ata a glorieta de entrada ao Parque dos Condes e regreso á Explanada da Compañía, onde estará situada a meta. Os corredores deron dúas voltas a este percorrido completando un itinerario de 5 km.
A carreira contou con categorías masculina e feminina e establecéronse tres premios en cada unha:
As gañadoras na categoría feminina son Luisa González Somoza (1ª), Martina Navia López (2ª) e Marta Rivera Vázquez (3ª).
Na categoría masculina recibiron o trofeo Adrián Parada López (1º), Serafín Rodríguez Rodríguez (2º) e Tomás Díaz Ferández (3º).
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a tenente de alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Deportes, José Manuel Mougán, de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, participaron nesta marcha deportiva e solidaria á que se sumaron tamén o Presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello, así coma outros integrantes da asociación e membros da Corporación Municipal.
Ademais desta actividade, o concello colabora de modo habitual coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo, entre outras cuestións, coa cesión de 3 locais desde os que a entidade atende a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade.

Andaina contra o cancro 2026 / Concello de Monforte

