O pasado 15 de setembro comezaron uns traballos de sondaxe consistentes en varias catas na parte final do estacionamento do Parque dos Condes. Para a execución dos mesmos esa parte do aparcadoiro estará pechada previsiblemente ata o venres 18 de setembro, polo que o sábado 19 poderá volver utilizarse para o estacionamento a zona afectada.
Estas sondaxes, explican dende o concello, “son necesarias para redactar o proxecto construtivo do tanque de tormentas incluído na III Fase do saneamento integral de Monforte, unha actuación que permitirá mellorar o funcionamento da rede de saneamento, eliminar os alivios no Parque dos Condes e contribuír á protección ambiental e á mellora da calidade das augas do río Cabe“.
Esta actuación está recollida no convenio de colaboración asinado entre o Alcalde e o Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que contempla un investimento de 7,9 millóns de euros distribuídos en 4 anualidades. Desa cantidade, o Concello ten que achegar 390.000 e a Confederación Hidrográfica 7.505.000 euros.
Ao respecto desta acción construtiva, o alcalde, José Tomé, sinala que con estes traballos “cumprimos co noso compromiso dando unha solución definitiva á evacuación das augas pluviais xunto ao nº 2 da Compañía e no inicio da rúa Cardeal, e aos alivios que actualmente se producen no Parque dos Condes, solucionando tamén o embalsamento de auga diante de fenómenos de choiva intensa nas confluencias das 2 rotondas de Ponte Fontecha e inicio da Compañía”.


