Baixo o lema ‘O envellecemento saudable constrúese desde idades moi temperás’, celebraranse en Chantada as primeiras Olimpíadas do Envellecemento co principal obxectivo de dar visibilidade ás persoas maiores como referentes activos e competentes dentro dunha comunidade diversa. O evento deportivo, que prevé reunir a máis de 200 participantes, é pioneiro a nivel rexional e nacional e está organizado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, iNNOHEROICA e o Club Peña Saltasebes. Ademais, conta co apoio das seguintes entidades: o Concello de Chantada, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, El Progreso, Universidade de Vigo, LONG-AGING, Cruz Vermella, Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía e Cofiga.
ACTIVIDADE DEPORTIVA
As actividades de carácter deportivo que se desenvolverán ao longo da xornada están adaptadas a distintos niveis funcionais e abertas á participación de persoas de todas as idades interesadas en gozar da actividade física nun contorno social e colaborativo.
Haberá tres probas deportivas: Resistencia (carreira sobre asfalto de 3 ou 5 quilómetros), Forza (lanzamento de peso, dun quilogramo) e Velocidade (carreira de cross de 200 metros); e dúas cognitivas: xadrez e dominó. Ademais, a xeriatra e vogal da Xunta Directiva da SGXX, Vanessa Álvarez, ofrecerá unha charla sobre nutrición e deporte. Tras a entrega de premios e medallas, haberá unha camiñada ata Adegas Amedo, onde se clausurará este encontro deportivo.
Todas as categorías son individuais e divídense por xénero masculino e feminino e haberá tres modalidades: Absoluta 1 (de 6 a 49 anos), Absoluta 2 (de 50 a 70 anos) e Absoluta 3 (de 70 anos en diante). Os tres primeiros clasificados da Absoluta 1 recibirán unha medalla; e os tres primeiros da Absoluta 2 e 3 recibirán trofeos.


