HomeCulturaAlumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A mostra é o resultado dunha actividade didáctica para descubrir a obra do recoñecido arquitecto e pintor local Manuel Jorge e experimentar con ela. Trátase dunha inciativa da 'Asociación Amigos de Manuel Jorge' na que participaron máis de trescentos alumnos e alumnas de entre 6 e 16 anos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A exposición “Manuel Jorge. Unha mirada nova”, inaugurada este luns 21 de setembro no Auditorio de Chantada, amosa os traballos de rapaces e rapazas dos centros de ensino que se aproximaron coas súas obras ao recoñecido arquitecto e pintor desta vila que faleceu no 2020 en Jávea. A mostra, que se pode ver ata o 3 de outubro, completa unha actividade promovida pola Asociación Amigos de Manuel Jorge.

A dinámica desenvolveuse durante o curso pasado nas aulas de plástica dos catro centros educativos da vila: IES Val do Asma, IES Lama das Quendas, CEIP Eloísa Rivadulla e CEIP Xoán de Requeixo, partindo dunha actividade didáctica que tiña como obxectivo descubrir a obra de Manuel Jorge e experimentar con ela. Os traballos resultantes expuxéronse nas paredes de cada centro e agora, co comezo das clases, foron incorporados a un relato expositivo común inaugurado coa presencia duns cen estudantes. Esta foi a primeira das visitas concertadas que durante dúas semanas se poderán reservar para ver a mostra. Tamén terá un horario de apertura ao público os venres 25 de setembro e 2 de outubro de 19 a 21 horas, e os sábados 26 de setembro e 3 de outubro de 12 a 14 horas.

A actividade conta coa colaboración do Concello de Chantada e foi precisamente o seu concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, quen fixo a inauguración, felicitando aos artistas e aos equipos docentes pola súa participación e polo resultado da actividade. Na benvida tamén participou a presidenta da Asociación, Mercedes Vázquez, quen fixo fincapé na importancia que o aspecto educativo e a colaboración con institucións e colectivos da vila terán no proxecto do futuro Museo Manuel Jorge que se está a construír na praza do Cantón chantadino.

Inauguración “Manuel Jorge. Unha mirada nova”. Foto: MMJ.
CATRO PROPOSTAS MOI DIFERENTES

A exposición está estruturada por bloques artísticos, favorecendo o diálogo entre os cadros de Manuel Jorge e as obras do alumnado, realizadas con achegamentos moi diferentes. No CEIP Eloísa Rivadulla, baixo a coordinación de Raquel Riesgo e Blanca Bermúdez, escolleron as pinturas xeométricas e cheas de cor da última etapa de Manuel Jorge para crear deseños téxtiles coa técnica da estampaxe. O resultado son camisetas de tea e tamén de papel creadas polo alumnado de toda Primaria e baixo o título de The art on clothing, xa que imparten a materia de arte en inglés.

Obras do alumnado do CEIP Eloísa Rivadulla. Foto: MMJ

A estampaxe foi o mesmo procedemento que empregaron no IES Lama das Quendas para crear imaxes inspiradas nas fotografías do concurso Pedra Sacra impulsado hai uns anos polo propio Manuel Jorge. Con cartóns, cepillos, algodóns ou cortizas, o alumnado de 3º de ESO foi creando texturas e imaxes que lembran a serie As catedrais do pintor. Na mostra, o título escollido para a súa proposta é Románico reinterpretado. O resultado aseméllase á serie de Manuel Jorge As Catedrais da que a mostra inclúe unha peza.

Os grandes retratos azuis foron a inspiración escollida por Lola López no IES Val do Asma para representar a Manuel Jorge e a súa muller Christina Snellman cunha técnica de fíos moi meticulosa e cun resultado sorprendente. Cada cadro emprega centos de chinchetas e miles de pases de fío para crear o que denominaron Retratos fiados. Xunto a eles, un gran retrato de Letizia Ortiz pintado por Manuel Jorge no 2002 e unha obra de trama xeométrica e azul metálico que tamén serviu de inspiración ao traballo do alumnado.

Sandra Sánchez, no CEIP Xoán de Requeixo, traballou co autor dende a perspectiva de pintor e arquitecto, empregando a cor dos cadros e os planos deseñados por Manuel Jorge para inspirar aos máis pequenos. Así, o alumnado de 5º da ESO creou en Architecture as súas casas ideais nas que non faltan canchas deportivas, cortes para o gando, e incluso palcos de orquestra. Os de 4º pintaron obras Inspired by Jorge’s art mentres que os de 1º, 2º e 3º de Primaria fixeron as súas composicións de cor traballando con Primary e secondary colors, Terciary colors e Warm and cold colors. Tamén neste caso, as obras dos estudantes están acompañadas de cadros orixinais de Manuel Jorge.

ÚLTIMAS

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alcalde e membros do equipo de goberno participan na romaría do San Mateo

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada;...