O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de Portugal, aborda estratexias diferenciadas para a Ribeira Sacra e para Valdeorras. No que ten que ver coa Ribeira Sacra, a Denominación de Orixe reúne a máis de 96 adegas (36 delas poden visitarse), máis de 2.000 viticultores e unhas 2.500 hectáreas de viñedo.
Segundo o estudo realizado sobre o enoturismo na Ribeira Sacara, as estadías dos visitantes son curtas, de dous ou tres días de promedio. En tempada alta, os turistas son sobre todo nacionais, con orixe maioritaria en Cataluña, País Vasco e Asturias. Fóra de tempada, a procedencia maioritaria é galega. Outro dato extraído é que a demanda deste tipo de turismo experiencial está atraendo novos consumidores e popularizándose en persoas de entre 25 e 34 anos.
PROPOSTAS PARA MELLORAR
O informe considera necesario prolongar esas estadías e para iso fanse varias propostas: distribuír as actividades durante todo o ano co fin de reducir a estacionalidade do turismo; reforzar a promoción e a identidade dos destinos; incorporar ferramentas dixitais para facilitar o enoturismo; mellorar a formación e o emprendemento do sector e reforzar a cooperación entre as administracións.
Máis concretamente, propóñense accións para catalogar a oferta de aloxamentos; crear unha aplicación dixital; deseñar experiencias de valor con narrativas personalizadas; agrupar paquetes turísticos; recompilar información dos eventos que son fixos durante o ano e nese sentido, crear unha axenda actualizada e compartida entres os diferentes axentes implicados.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, acompañaron á vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e autora do informe, na presentación deste traballo. Foi este martes 22 de setembro no Pazo de San Marcos.
Carmela López definiu o enoturismo como “unha parte fundamental do noso territorio”, fixo especial fincapé en que a Deputación aposta por ese “turismo experiencial” e subliñou a importancia de realizar traballos como o este. “Permítenos estudar cara onde queremos ir e cal é o futuro que queremos para o noso territorio”, dixo.

