A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga na pegada de séculos de emigración galega na capital portuguesa. Unha memoria invisibilizada durante moito tempo pero que permanece nos barrios, nos nomes, en tradicións culinarias, festas e en múltiples ámbitos da vida lisboeta actual.
“Espaços afetivos da Galiza na Lisboa atual” percorre estas marcas da memoria galega en Lisboa ao mesmo tempo que procura comprender as circunstancias que levaron a tantas persoas de Galicia a emigrar para a capital portuguesa.
Antom G. Rodrigues (Chantada, 1987) é graduado en Lingua e Literatura Galegas e en Linguas e Literaturas Modernas, con especialización en Lingua Portuguesa e Literaturas Lusófonas na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve a súa actividade docente no ensino secundario e nas escolas oficiais de idiomas, exercendo anteriormente como lector de galego na Universidade Nova de Lisboa.

