Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras para liderar un proxecto considerado xa como a primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias. O seu labor consistiu en desenvolver a parte técnica, coa adecuación das instalacións, a selección do equipamento e a estruturación dos espazos, ao mesmo tempo que realizou os trámites dos rexisitros sanitario e embotellador. Unha encomenda na que contou coa colaboración técnica de Inimatec e o enxeñeiro José Manuel Pardo Méndez, e traballou co Concello de Pesoz, a Asociación de Viticultores y Bodegueros del Valle del Navia y el Agüeira e o Servicio de Seguridad Alimentaria y Sanidad Ambiental de Asturias. Sumouse a dirección xeral de Reto Demográfico do Principado, liderada por Marcos Niño.
O seu labor consistiu en desenvolver a parte técnica, coa adecuación das instalacións, a selección do equipamento e a estruturación dos espazos, ao mesmo tempo que realizou os trámites dos rexisitros sanitario e embotellador
INAUGURACIÓN DA ADEGA COMUNITARIA E PÚBLICA
Roberto Regal estivo presente no acto inaugural o pasado sábado 19 de setembro, presentación na que participaron as directoras xerais de Agricultura, Agroindustria e Desenvolvemento Rural do Principado de Asturias, Begoña López, e de Empresa e Comercio, Arantxa González; a alcaldesa de Pesoz, Lucía Villanueva; o tenente de alcalde e concellal de Desenvolvemento Rural, Montes e Turismo do municipio, Pedro Ángel Sánchez, e tamén o presidente do Consello Regual da Denominación de Orixe Vinos de Cangas, Adrián Fernández, e membros da Asociación de Viticultores y Bodegueros del Valle del Navia y el Agüeira, encabezados polo seu presidente, Juan López Mera.
Durante o evento presentouse esta iniciativa, realizouse unha visita guiada polas instalacións e celebrouse unha cata de produtos locais con música en directo. A adega comunitaria, xunto cun renovado museo do viño, conforman agora o Centro Enológico de Pesoz y el Agüera (CEPA). Na visita guiada, Roberto expuso a idea deste proxecto e algúns aspectos técnicos da adega.

RECUPERAR O CULTIVO DAS VIÑAS E DINAMIZAR A ECONOMÍA LOCAL
Esta adega comunitaria pretende contribuir a recuperar a actividade vinícola do val do Navia e o Agüeira, incentivar a actividade económica e o emprego por medio da viticultura e tamén potenciar a profesionalización dos viticultores e adegueiros. Un obxectivo no que o primeiro paso foi a creación a ano pasado da Asociación de Viticultores y Bodegueros del Valle del Navia y el Agüeira, a cal xestionará a adega e o museo e que nestes momentos agrupa a catorce produtores do concello, caracterizado por unha viticultura de montaña con pendentes pronunciadas, variedades locais e viños de perfil atlántico.
Xa empregan a adega tres destes produtores, pero todos aqueles petencentes á Asociacion que queiran facelo, poderán unirse. Neste espazo teñen todo o necesario para producir viño, aforrando custes e garantizando a calidade do produto, co único requisito de que deben estar amparados pola D.O.P. Vinos de Cangas.
“iniciativas coma esta son un exemplo de como dinamizar o medio rural, poñendo en valor o territorio, os seus produtos e as persoas que queren seguir construíndo futuro nos nosos pobos para mantelos vivos”
UN PROXECTO COA SINATURA DE ROBERTO REGAL
Roberto Regal, enólogo con 25 anos de profesión como consultor enolóxico e vitivinícola, e asesor de adegueiros que apostan por elaborar viños singulares en toda Galicia e Asturias, tanto adscritos ás súas denominacións de orixe como independentes delas, dá un paso máis na súa carreira: asesorar, deseñar e xestionar unha adega comunitaria que contribuirá a recuperar a actividade vinícola no Valle del Navia y el Agüeira. Neste senso, Roberto amósase moi agradecido, ao tempo que considera que “iniciativas coma esta son un exemplo de como dinamizar o medio rural, poñendo en valor o territorio, os seus produtos e as persoas que queren seguir construíndo futuro nos nosos pobos para mantelos vivos”.
Roberto é ben coñecido na comarca de Chantada polo seu proxecto Enonatur, o cal permite crear un viño propio ao tempo que se contribúe a preservar os viñedos da Ribeira Sacra en risco de abandono a través do apadriñamento de parcelas. Este proxecto fíxoo merecedor en 2025 do primeiro premio na categoría “Recuperación de posta en valor da terra agraria” nos XVI Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia, convocados pola Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (AGADER) e que a Xunta de Galicia concede a persoas e colectivos que destacan polo seu traballo a favor do rural galego.

