Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos organiza dende o ano 2008 a senlleira celebración coñecida como “Folión das fachas de Vilelos”, unha tradición que pode remontarse aos castrexos e que a veciñanza lembra dende tempos inmemoriais. No ano 2018 foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
Coa intención de preservar a tradición, dende a entidade afirman que “o noso obxectivo está a ser implicar á xente nova para que non se chegue a perder”. Ademais da pancetada e a procesión coas fachas ata o Castro da Besta, en San Martiño de Vilelos, este ano sumarán ao programa as actuacións de A cadela asasina e Os residuos atractivas.
A celebración será este venres 25 de setembro de 2026 a partir das 22:00 h. no lugar da Besta na parroquia de Vilelos, Concello do Saviñao. O principal reclamo da festa, a procesión das fachas á cima do Castro da Besta, comezará ás 00:00h. Á volta do percorrido acenderanse ás fachas máis longas que arderán ao tempo que comezarán as actuacións musicais.
A festa faise sempre o último venres do mes de setembro e dende semanas atrás a veciñanza máis nova de Vilelos traballou na recollida dos agucios, uns arbustos silvestres moi combustibles para elaborar as fachas.
Falamos con Ana Otero, unha veciña da asociación, que nos conta en nome da mesma máis detalles desta senlleira celebración.
Cando se creou a Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos?
Nos anos oitenta.
Dende cando organizades o ‘Folión das Fachas’?
A Asociación de Veciños San Martiño de Vilelos organiza a festa dende o ano 2008 onde un grupo de mozas e mozos lle demos máis visibilidade e dende esas seguimos con todo o agarimo que lle poñemos.
Cal é a súa orixe e como se foi conservando esta tradición ata que vos fixestes cargo de preservala?
O Folión das Fachas de Vilelos existe dende “sempre”. Pregúnteslle a quen lle preguntes van responder que o recordan dende que eran nenos… de feito a súa orixe remóntase aos castrexos cuxa finalidade era variada: agradecer as boas colleitas ás súas divindades, cambiar a estación do ano do verán ao outono, é dicir, da parte con luz á parte escura do ano… a festa foi cristianizada pola Igrexa Católica xa que coincide coa fin de semana da festas parroquiais na honra á Virxe das Angustias, de aí o nome de Folión de Véspera. Ademais, no cruce de subida cara ao Castro da Besta hai un Peto das Ánimas.
“a súa orixe remóntase aos castrexos cuxa finalidade era variada: agradecer as boas colleitas ás súas divindades, cambiar a estación do ano do verán ao outono…”
Xa máis recentemente e antes da chegada da luz pública ás aldeas a idea da festa era que canto máis fachas houbese, máis tardasen en arder e polo tanto máis luz natural do lume houbese maior era a duración da festa. Hoxe en día a finalidade é a troula.
Contádenos como é o proceso de preparación previo, elaboración das fachas e outros detalles necesarios, e como se desenvolve a propia procesión das fachas?
Durante os meses de verán recollemos os agucios secos, o nome científico da planta é asphodelus albus, e recibe outros nomes como abrotia, abrótega…. mais no concello do Saviñao sempre se denominaron agucios. Na primavera o agucio florece e, entrando no verán, seca. A semente cae ao chan no seguinte ano e nós o que recollemos é un pau inerte. Os agucios son moi sibaritas xa que nacen “onde queren”, en soutos, ladeiras…
Unha vez que os temos recollidos comeza a elaboración das fachas, poñendo tres mañizos e atando. As fachas que levamos en procesión miden sobre 2 metros e as fachas grandes que deixamos no prado (polo xeral 2 ou 3) miden sobre 7 metros.
A festa comeza cunha pancetada arredor das 22:00 pero o marabilloso desta é a procesión cara ao Castro da Besta ás 00:00 onde cada quen colle a súa facha e vai en procesión subindo cara o Castro ao ritmo da música tradicional, unha vez na cima do castro damos dúas ou tres voltas e baixamos creando co final da facha de cadaquén unha gran fogueira.
“As fachas que levamos en procesión miden sobre 2 metros e as fachas grandes que deixamos no prado miden sobre 7 metros”

Que supuxo no 2018 que se declarase Ben de Interese Cultural?
Unha honra e un gran recoñecemento a unha festa tradicional.
Ademais da veciñanza, quen se involucra na organización cada ano? Hai relevo xeracional?
Iso é un dos retos máis importantes que temos, implicar a toda a veciñanza e especialmente aos máis novos… igual que fixeron con nós.
Este ano ides incluír outras actividades á senlleira procesión das fachas. Contádenos?
As actividades son os concertos que este ano 2026 veñen da man do grupo tradicional A CADELA ASASINA e mais dos RESIDUOS ATRACTIVAS.
Como se financia economicamente un evento destas características? Tedes axudas da veciñanza e algún tipo de subvención?
O evento está organizado pola Asociación de Veciños San Martiño de Vilelos, nunca se lle pediu cartos á parroquia. Contamos co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello do Saviñao. Ademais a imprenta Chuzos de Monforte de Lemos e a Casa de Turismo Rural e Restaurante Torre Vilariño no Saviñao son colaboradores do Folión das Fachas de Vilelos.
OUTRAS CELEBRACIÓNS SEMELLANTES NA CONTORNA
Este ‘Folión das Fachas de Vilelos’, no Concello do Saviñao, e o ‘Folión das Fachas de Castelo’, no Concello de Taboada (7 de setembro) son os dous folións destas características que se manteñen na comarca. O proceso é practicamente o mesmo en ambos os dous casos, recollida de agucios e elaboración das fachas. Como diferenza, salientar qu en Taboada chantan as fachas no chan e en Vilelos lévanse en procesión.
Tamén cómpre lembrar que na provincia veciña de Ourense, concretamente en Castro de Caldelas, existe a Festa dos Fachós que se celebra sempre o 19 de xaneiro. Nesta tradición no canto de fachas chámanlle fachós e están elaborados con palla.


