HomeEconomíaMonforte destina 30.000€ para axudas ao emprendemento e á creación de empresas

Monforte destina 30.000€ para axudas ao emprendemento e á creación de empresas

As bases reguladoras desta nova convocatoria enfocada ao fomento da iniciativa empresarial, aprobáronse o pasado luns, 21 de setembro, na Xunta de Goberno Local. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de outubro de 2026.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios previstos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O alcalde, José Tomé, salienta que esta convocatoria forma parte das políticas de promoción do emprego impulsadas polo Equipo de Goberno e reafirma o seu compromiso co apoio ás persoas emprendedoras e ás novas iniciativas empresariais: “O noso obxectivo é apoiar a aquelas persoas que deciden emprender e poñer en marcha un negocio en Monforte”. Con estas axudas, engade, “queremos facilitar os primeiros pasos dunha nova actividade, favorecer a creación de emprego e o emprendemento, fixar poboación e contribuír ao crecemento económico do noso concello”, sinala o rexedor.

A estas axudas poderán acollerse os empresarios e empresarias individuais e medianas empresas (PEME) que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, entendendo como inicio de actividade a alta no IAE. Para o carácter de PEME terase en conta o establecido no Anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión Europea.

A contía prevista para esta nova convocatoria ascende a 30.000 euros e a finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. Concretamente, os gastos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

O importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros por beneficiario, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados durante o período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

Entre os requisitos establecidos nas bases figura que os beneficiarios teñan o seu enderezo fiscal e social en Monforte de Lemos e que os promotores estean empadroados no municipio na data da solicitude. Ademais, deberán tratarse de empresas de nova creación, as persoas promotoras deberán atoparse en situación de desemprego no momento do inicio da actividade e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.

As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas destas bases cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís, cando a súa incorporación á mesma como socio implique a súa alta no réxime especial de traballadores por conta propia ou constitúan unha Sociedade Mercantil.

Gastos subvencionables

– Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos, e alta no Rexistro Mercantil.

– Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.

– Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos  gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.

– Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).

– Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).

Entenderase que son gastos directamente derivados da actividade empresarial aqueles nos que os impostos indirectos, particularmente o IVE, que graven as prestacións de servizos ou entregas de bens para os beneficiarios podan ser obxecto de compensación.

ÚLTIMAS

Punto limpo móbil para eventos en Sober

O novo punto móbil para eventos, é un dispositivo adaptado de xeito específico para...

Este 25 de setembro preséntanse na Casa da Cultura de Quiroga os resultados de ‘Tecendo Memorias’

Tecendo Memorias naceu coa intención de recuperar, a través da reminiscencia, a memoria das...

O PP de Monforte reclama que a Deputación ceda os terreos da Finca de Tor a iniciativas agrogandeiras

O PP de Monforte defenderá no vindeiro pleno ordinario unha moción para que o...

Folión das fachas de Vilelos, unha tradición que se remonta aos castrexos

Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos organiza dende o ano 2008 a...