A viaxe promocional e institucional que promove o MUFERGA partirá este luns 28 de setembro da estación de Ourense ás 11:18 horas e chegará á de San Clodio-Quiroga sobre as 12:50 horas. Nela participarán representantes da Xunta, do Parlamento de Galicia, das Deputacións de Ourense e Lugo, dos concellos da Ribeira Sacra, así como tamén da operadora Adif e Alsa Raíl.
O presidente do Padroado do Museo, e delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, explicou que se busca poñer en valor “a suma de esforzos” que deu lugar á posta en marcha do tren e o papel que realiza o Museo do Ferrocarril de Galicia na conservación do patrimonio ferroviario, “que fixo posible que o Galaico Expreso existise como material histórico”.
Os participantes poderán subir ao tren nas paradas intermedias sinaladas no itinerario que serán as de Barra de Miño, Os Peares, Canabal, Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón. O regreso está previsto para as 16:00 horas.
GALAICO EXPRESO
O Galaico Expreso é un convoi histórico coidadosamente restaurado, composto por coches rehabilitados procedentes do Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA / Monforte) e arrasatrado por unha locomotora da serie 269, a coñecida como “la japonesa” dos anos oitenta.
Combina a comodidade contemporánea e a autenticidade máis pura. Acabados en madeiras nobres, compartimentos de primeira clase para seis persoas e detalles como billetes con estética anterior aos anos sesenta. Ademais, o convoi vai equipado coun vagón cafetería, un salón de audiovisuais e unha oficina de información para que o traxecto sexa unha experiencia moi completa. Ademais, as súas amplas ventás permiten contemplar dun xeito especial a paisaxe entre Ourense e Monforte de Lemos.
O servizo funciona durante os meses de xullo, agosto e setembro, con saídas os sábados e domingos en catro frecuencias por sentido. Sae de Ourense e pasa por Barra de Miño (que ten praia fluvial), Os Peares (onde se xuntan o Miño e o Sil) e San Estevo do Sil (ideal para achegarse ao embarcadoiro dos catamaráns), antes de terminar en Monforte de Lemos.

