HomesociedadeA D.O. Ribeira Sacra pecha a vendima con 5,4 millóns de quilos...

A D.O. Ribeira Sacra pecha a vendima con 5,4 millóns de quilos de uva recollidos despois de 46 días

A campaña, que comezou o 12 de agosto e rematou o 26 de setembro, estivo marcada polo inicio temperán, o excelente estado sanitario da uva e un incremento da produción respecto das dúas campañas anteriores.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra pechou a campaña de vendima 2026 tras 46 días de recolección, desde o 12 de agosto ata o 26 de setembro, cun balance positivo tanto desde o punto de vista produtivo como sanitario e cualitativo.

A campaña estivo marcada por un inicio excepcionalmente temperán, condicionado pola evolución da maduración da uva, e por unhas condicións que permitiron desenvolver a recolección de maneira progresiva, adaptándoa ao momento óptimo de maduración das diferentes parcelas e variedades.

En total, durante a vendima 2026 foron recollidos 5.446.859 quilos de uva amparada, fronte aos 4.620.524 quilos rexistrados en 2025 e aos 4.900.018 de 2024. Isto supón un incremento do 17,9 % respecto de 2025 e do 11,2 % respecto de 2024.

A Mencía mantívose como a variedade maioritaria da Denominación de Orixe, cun total de 3.795.035 quilos, fronte aos 3.195.075 de 2025 e aos 3.675.475 de 2024. A Godello, pola súa banda, acadou os 1.048.256 quilos, continuando a súa evolución ascendente e superando os 924.432 quilos de 2025 e os 721.916 de 2024. Entre ambas as variedades suman 4.843.291 quilos, o que representa o 88,9 % do total da uva amparada recollida nesta campaña.

No que respecta ao resto das variedades, a Garnacha rexistrou 138.184 quilos e o Sousón 111.183 quilos. O Brancellao acadou os 82.994 quilos, mentres que a Treixadura alcanzou os 69.741 quilos.

Tamén se recolleron 59.226 quilos de Albariño, 51.895 quilos de Merenzao, 39.743 quilos de Caíño e 18.847 quilos de Tempranillo. Completaron a produción 11.452 quilos de Branco Lexítimo, 8.085 quilos de Dona Branca, 5.548 quilos de Mouratón, 3.670 quilos de Loureira, 2.080 quilos de Torrontés, 920 quilos de Grao Negro e 0 quilos de Caíño Branco. En total, as diferentes variedades amparadas contabilizaron os 5.446.859 quilos de uva recollidos durante a campaña 2026.

Durante a campaña 2026 contabilizáronse 821 provedores de uva, fronte aos 650 de 2025 e aos 697 de 2024. A superficie vendimada alcanzou as 755,84 hectáreas, das 1.263,22 hectáreas inscritas na Denominación de Orixe. O Rexistro de Viticultores conta actualmente con 1.671 viticultores inscritos e 94 adegas

Primeira campaña coa implantación de ANAWIN

A vendima 2026 supuxo tamén un paso adiante no proceso de dixitalización da xestión da Denominación de Orixe coa posta en marcha do sistema ANAWIN. A través desta ferramenta, as adegas declaran a uva recibida, identificando a parcela de procedencia e incorporando a información correspondente á recepción da materia prima.

O sistema permite dispoñer dunha información máis estruturada e actualizada e reforza o control, a trazabilidade e a transparencia do proceso de vendima, facilitando o seguimento da uva desde a súa orixe ata a súa entrada na adega. ANAWIN supón así un avance na modernización da xestión da Denominación de Orixe e na capacidade de seguimento da produción amparada.

Desde o Consello Regulador faise unha valoración positiva da campaña e ponse en valor o traballo de viticultores e viticultoras e das adegas durante estas semanas.

ÚLTIMAS

O IES Río Cabe na final do Concurso de Coñecementos Financeiros

O certame está organizado polo Banco de España, a CNMV (Comisión Nacional do Mercado...

Alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila pregoou a XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela

A través dunha lectura coral, o alumnado do centro pronunciou o seu discurso baixo...

Esperta Monforte esixirá no pleno deste 28 de setembro que se remate o enlace entre o Porto Seco e a N-120

Na moción que presenta Esperta Monforte sinalan que a Cidade do Cabe ten un...

Extinguido este domingo o incendio que comezou o 15 de setembro en Quiroga

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal iniciado o martes,...