O Pazo de San Marcos acolleu na tarde deste martes 29 de setembro a gala de entrega dos VII Premios á Excelencia Turística, galardóns que entrega o Consello Provincial de Turismo co gallo do Día Mundial do Turismo, que se conmemora cada 27 de setembro.
Nesta edición foron distinguidas catro iniciativas que contribúen á promoción de distintas partes do territorio da provincia e do seu patrimonio material e inmaterial. Unha delas foi o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, e as outras tres foron o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, a Festa da Enfariñada de Trabada e o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade (Vilalba).
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade levaron o galardon dentro da categoría ‘Lugo Cambia o Turismo Lucense’; na de ‘…E para comer, Lugo á gastronomía lucense’ gañou a Festa da Enfariñada de Trabada. E finalmente, o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade de Vilalba foi o recoñecido dentro da categoría de ‘Turismo Sostible 2026’.
Durante o acto, Gloria Prada agradeceu á Deputación e ao Consello Provincial de Turismo este recoñecemento a un evento que o Concello de Monforte impulsa desde o ano 2017 e que se converteu nunha das principais citas do calendario anual da cidade. A Tenente de Alcalde expresou a satisfacción do Equipo de Goberno polo recoñecemento e lembrou que o obxectivo deste evento, que impulsaron en 2017, foi moi claro: “promocionar os viños da Ribeira Sacra é tamén promocionar a Ribeira Sacra como destino turístico”. Así mesmo, salientou que un dos eixos centrais deste evento é “ofrecer en Monforte un escaparate común para os viños das diferentes subzonas da Denominación de Orixe”.
Finalmente, Prada sinalou que o Festival “contribúe a consolidar Monforte como porta de entrada á Ribeira Sacra e como punto de encontro para descubrir este territorio” e trasladou o seu agradecemento á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, aos viticultores e viticultoras, aos adegueiros e adegueiras, aos establecementos de hostalería e gastronomía e a todas as persoas que participan na organización e no desenvolvemento do Festival.
FESTIVAL DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA DE MONFORTE
Está organizado polo Concello monfortino dende o ano 2017 e celébrase anualmente na primeira fin de semana de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe. En 2026 celebrou a súa oitava edición reunindo a arredor de 30 adegas de todas as subzonas da D.O. Ribeira Sacra, funcionando como un escaparate integral para os viños de viticultura heroica, a gastronomía local, o patrimonio cultural e o enoturismo do sur da provincia de Lugo. O programa inclúe catas comentadas, masterclasses, concertos, obradoiros infantís e “Viñorutas”.
O Festival mobiliza e atrae a milleiros de visitantes antes do pico do verán e dinamiza sectores coma a hostalaría e o comercio de Monforte e da comarca de Lemos.

