HomesociedadeJosé Tomé levará ao pleno do 26 de outubro a licitación do...

José Tomé levará ao pleno do 26 de outubro a licitación do PXOM, “o documento máis importante para Monforte desde hai máis de 40 anos”

O alcalde destaca que o Concello reservou 150.000 euros para a primeira anualidade dos traballos e subliña a importancia de contar cunha planificación urbanística adaptada á realidade actual do municipio

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou este xoves que levará ao pleno municipal do próximo 26 de outubro a aprobación da licitación para contratar a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Con este paso, o Equipo de Goberno inicia o procedemento para dotar a Monforte do seu primeiro plan xeral, unha ferramenta fundamental para ordenar o territorio e planificar o crecemento futuro do municipio. “Imos licitar o documento máis importante para o Concello de Monforte de Lemos dende hai máis de 40 anos”, apuntou José Tomé.

O rexedor explicou que esta iniciativa responde a un compromiso adquirido coa cidadanía e incluído no programa electoral: “Continuar coas xestións e cos traballos previos necesarios para poder contratar a redacción do PXOM cando se desen as condicións axeitadas para facelo”, indicou.

Engadiu que a redacción do Plan Xeral estivo condicionada durante anos polas limitacións relacionadas coas zonas inundables recollidas no Plan Hidrolóxico Nacional aprobado en 2016. “Desde o Concello fixemos xestións para modificar e flexibilizar as condicións do Plan Hidrolóxico, que foron tidas en conta no segundo Plan Hidrolóxico Nacional, actualmente vixente”.

Esta evolución permite, segundo indicou, avanzar agora na contratación dos traballos necesarios para elaborar o documento urbanístico municipal: “Agora danse as condicións, o compromiso e a determinación para poder redactar o primeiro PXOM de Monforte desde que en 1985 fosen aprobadas as actuais Normas Subsidiarias de Planeamento”.

150.000€ para a prmeira anualidade

Monforte contou con dous intentos anteriores de elaborar un PXOM, que non chegaron a culminar. O primeiro foi contratado en 2003, durante o mandato do alcalde Nazario Pin Fernández, e quedou paralizado en 2006 sen saír a exposición pública. O segundo contratouse en 2008, durante o mandato de Severino Rodríguez Díaz, e foi retirado en 2013, en fase de alegacións.

Segundo os datos facilitados polo Alcalde, o custo dos dous plans que non chegaron a aprobarse ascendeu a 502.353,50 euros. José Tomé sinalou que esta situación “supuxo unha perda de diñeiro público e un prexuízo para os cidadáns” e manifestou a súa intención de que o novo procedemento avance ata a súa conclusión.

Na incorporación de remanentes que se levou ao pleno municipal o pasado 30 de marzo incluíuse unha partida de 150.000 euros para financiar a primeira anualidade dos traballos de redacción do PXOM. Nos últimos meses, os técnicos municipais de Urbanismo elaboraron os pregos de prescricións técnicas, mentres que o Servizo de Contratación preparou os correspondentes pregos administrativos, que se presentarán a pleno o 26 de outubro.

O importe total previsto para a elaboración do documento ata a súa aprobación definitiva, ascende a 859.100 euros, IVE incluído. Esta cantidade corresponde a un orzamento base de 710.000 euros, ao que se engaden 149.100 euros de IVE. A contratación realizarase mediante un concurso público aberto, de acordo coas prescricións técnicas establecidas para este tipo de traballos, co obxectivo de que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.

A elaboración do PXOM estruturarase en seis fases, cunha duración total estimada de 60 meses, é dicir, cinco anos. A este prazo haberá que engadir o tempo que as distintas administracións competentes necesiten para emitir os informes sectoriais preceptivos. Segundo o alcalde, estes tempos “poden oscilar entre 8 e 24 meses, e se facemos unha media andaríamos sobre os 15 meses, co que o tempo total serían algo máis de 6 anos, ata finais de 2032”.

As fases previstas son as seguintes:

  • Fase 1. Elaboración da cartografía: seis meses, cun importe de 90.000 euros, sen IVE. Inclúe a elaboración da cartografía necesaria para o planeamento de todo o territorio municipal, tanto das áreas rurais como das urbanizadas.
  • Fase 2. Borrador e Documento Inicial Estratéxico (DIE): doce meses, cun importe de 155.000 euros, sen IVE.
  • Fase 3. Documento para a aprobación inicial: doce meses, cun importe de 155.000 euros, sen IVE.
  • Fase 4. Estudo Ambiental Estratéxico (EAE) e proposta do Plan: dezaoito meses, cun importe de 155.000 euros, sen IVE.
  • Fase 5. Documento para a aprobación provisional: seis meses, cun importe de 46.500 euros, sen IVE.
  • Fase 6. Documento para a aprobación definitiva: doce meses, cun importe de 108.500 euros, sen IVE.

O calendario e os importes previstos permitirán desenvolver progresivamente os traballos, desde a preparación da cartografía ata a elaboración da documentación necesaria para a aprobación definitiva do Plan.

Os obxectivos do futuro PXOM

O Plan Xeral será unha ferramenta esencial para adaptar a ordenación urbanística de Monforte á legalidade vixente e á evolución experimentada polo municipio durante as últimas décadas. Entre os principais obxectivos do documento figuran:

1. Adecuar as actuais normas urbanísticas á legalidade vixente.

2. Recoller no Plan a evolución da nosa cidade e do medio rural nos últimos case 50 anos.

3. Deseñar a cidade e os núcleos rurais do futuro.

4. Proxectar un crecemento harmonizado de Monforte.

5. Ordenar a potencialidade industrial do noso Concello para seguir medrando en poboación, social e economicamente.

O Alcalde incidiu en que o PXOM debe ofrecer unha visión global do municipio e establecer un marco de planificación que permita compatibilizar o desenvolvemento urbano, a protección e ordenación do territorio e as necesidades da veciñanza.

José Tomé subliñou que a elaboración do Plan Xeral require a participación e colaboración dos veciños e veciñas de Monforte “poñendo o interese xeral por enriba dos lexítimos intereses particulares”, así como das distintas administracións públicas que deberán emitir os informes sectoriais correspondentes ao longo da tramitación.

O rexedor concluíu sinalando que a aprobación da licitación supón un paso decisivo para iniciar a elaboración deste instrumento de planificación municipal e avanzar cara a unha ordenación urbanística actualizada, adaptada á realidade presente e preparada para afrontar os retos futuros. O obxectivo, segundo destacou, “é que Monforte dispoña dunha planificación que lle permita seguir medrando de maneira ordenada, tanto na cidade como no rural, e aproveitar o seu potencial de desenvolvemento industrial, social e económico”.

ÚLTIMAS

192.000€ para e mellora de varias rúas en Chantada

O Concello de Chantada dispón dun plan de asfaltado para rexeneración de vías nas...

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación chega o 17 de outubro a Taboada e Ribas de Sil

O sábado, 17 de outubro, ás 19:00 horas o salón de actos da antiga...

A Policía Local de Monforte incorpora a dous novos efectivos

Esta incorporación prodúcese unha vez finalizado o período de formación teórico-práctica que os novos...

A asociación Prodeme representará ao Río Breogán na ‘Copa Campeones’ da Fundación ACB

A Asociación PRODEME de Monforte de Lemos dará un novo paso na súa traxectoria...