A actividade contou coa participación de Adrián Gómez Martínez, mestre de Educación Primaria e activista comprometido coa loita contra a discriminación, e David López, graduado en Dereito e Ciencias Políticas pola Universidade Carlos III de Madrid e militante de Corrente Revolucionaria de Traballadores (CRT).
Durante o encontro abordáronse os mecanismos de construción e difusión dos discursos de odio, a súa tipificación legal e as consecuencias que provocan, especialmente entre os colectivos máis vulnerables. A través de exemplos recentes, analizouse tamén a importancia de identificar estas mensaxes e adquirir ferramentas para combatelas. Desde Veciñanza Fronte o Odio destacan que a elevada participación demostra que existe unha preocupación social ante a normalización da discriminación e da intolerancia, así como interese por crear espazos de reflexión e debate.
O colectivo lembra que nace como un espazo aberto, plural e independente de calquera organización política, formado por persoas con sensibilidades diversas que comparten a defensa dos dereitos humanos, o feminismo, o antirracismo, o respecto á diversidade sexual e o ecoloxismo.
Finalmente, agradecen a asistencia e participación da veciñanza e anuncian a súa intención de continuar organizando actividades de sensibilización e debate. “Esta é só a primeira de moitas iniciativas. Queremos seguir sumando persoas, ideas e propostas para construír entre todas e todos unha sociedade máis xusta, diversa e libre de odio”, conclúen.

