O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou este venres as obras de rexeneración do firme na rúa Calvo Sotelo, unha das principais arterias de comunicación de Monforte, que conecta o barrio da Estación co centro urbano, e que serve tamén como vía de saída cara á N-120 en dirección a Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense.
Nas últimas semanas leváronse a cabo obras de renovación do firme da rúa Vigo, no barrio do Casar, cun investimento de 122.7334,67€; e na Avenida de Galicia e na rúa Chantada, dúas vías de circulación fundamentais para as comunicacións dentro do núcleo urbano nas que se invisten 174.279 euros.
O paquete de actuacións na zona urbana contempla tamén a mellora do pavimento nun treito da rúa Pintor Luis Seoane, concretamente no tramo inicial, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas da marxe dereita. Está previsto que estes traballos, iniciados esta semana, rematen tamén no día de hoxe. Consisten no rebaixado do firme actual para igualar a cota da nova pavimentación e evitar a entrada de augas pluviais nos edificios, e instalación da correspondente sinalización horizontal e vertical. O orzamento neste caso ascende a 11.214,05€ e a execución corresponde á empresa Ovisa Pavimentos e Obras S.L.U., adxudicataria tamén da intervención na avenida de Galicia e rúa Chantada.
A seguinte actuación dentro deste plan de investimentos en infraestruturas viarias será na zona de Montepando-Bouza Brey, onde está previsto acondicionar unha pista que, indica o Alcalde, “na práctica son tres, xa que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”.
Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”. As obras, licitadas por 73.995,83 euros, adxudicáronse á empresa Extraco.
Avances nas actuacións do rural
O Alcalde informou, así mesmo, do avance das actuacións previstas nas parroquias, incluídas no mesmo paquete de investimento anunciado en maio.
En Piñeira, están en fase de execución obras de mellora na vía que comunica a estrada de Sober, no centro da parroquia, co acceso ao polígono do Reboredo. A actuación, adxudicada á empresa Bascuas, contempla o saneamento dos afundimentos e a regularización do firme, a aplicación dunha capa de aglomerado en quente e a correspondente sinalización, cun investimento de 177.770,29 euros.
Tamén en Piñeira están rematadas as obras de mellora das pistas que saen do lugar de “O Bosque”, para unirse na rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando xunto a unha finca que fai eventos de hostalería. Esta actuación nas dúas pistas, cun orzamento de 103.825,63 euros, foi executada por Ovisa. O investimento total en Piñeira supera os 281.000 euros.
En Ribas Altas, están en marcha os traballos preparatorios de asfaltado da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo. Esta actuación, cun importe de 104.037,01€, permitirá completar o asfaltado integral da zona, despois de que o ano pasado se mellorase a marxe esquerda. Executa Extraco.
Pola súa parte, as actuacións previstas nas parroquias de Marcelle e San Xoán de Tor están xa executadas. Neste caso, realizáronse traballos para a mellora da pista que une a recta de Marcelle co núcleo da Meda, renovación das pistas dos Asenxos e do Seixo e melloras do firme na pista Eirexe-Outeiro, onde se acometeron tamén reparacións en determinados treitos de muro lindante coa vía. O importe das adxudicacións nestas parroquias ascende a 91.956,37€ e foron realizadas por Opaga 03.
A maiores, están previstos traballos de mellora do asfaltado noutras vías da zona rural. Concretamente, nos accesos a Guntín, onde se intervirá en dous camiños, nunha actuación que ten un orzamento de 32.394,53 euros.
Tamén está prevista a mellora da pavimentación na intersección da rúa Amador López Espinosa coa rúa Ourense, xunto ao edificio da Sareb. Este proxecto ten un importe de 19.704,64 euros. Así mesmo, construirase unha pista Multiusos nas Cruces, por 48.869,33 euros.
O conxunto destas actuacións forma parte do investimento de máis dun millón de euros anunciado polo Alcalde para a mellora de rúas e vías tanto da zona urbana como das parroquias.

