O evento terá lugar o vindeiro sábado, 31 de outubro, na Praza de Abastos de Monforte, en horario de mañá e tarde de 10.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e ofrecerá unha ampla variedade de produtos propios desta época do ano, como cogomelos, castañas, noces, mel, viño, queixos, embutidos e doces, entre outros, poñendo en valor a calidade dos produtos de proximidade e o traballo dos produtores e comerciantes. As persoas interesadas en participar no mercado con postos de venda poden presentar a súa solicitude ata o 29 de outubro.
Esta actividade completarase cunha ampla programación de actividades infantís e familiares vinculadas á celebración do Samaín. Haberá obradoiros para nenos e nenas, unha xincana temática, pintacaras e unha sesión de contos e lendas relacionadas con esta tradición.
Ademais, as persoas asistentes poderán participar nun ‘showcooking’ de outono a cargo dun chef, no que se elaborarán e degustarán tres tipos de tapas preparadas con produtos de proximidade, como cogomelos, castañas e outros ingredientes propios desta estación. As inscricións nas actividades realizaranse quince minutos antes do inicio de cada unha delas, ata completar as prazas dispoñibles.
Programa
- 10:00 h. Apertura do mercado.
- 11:30 h. Inauguración e exposición de cogomelos, con charla-presentación.
- 12:00 a 14:00 h. Obradoiros infantís “Benvido Outono”.
- 17:00 a 18:30 h. Xincana do Samaín, organizada por grupos de idade, con tres pases, un cada media hora.
- 17:00 a 18:00 h. Pintacaras tenebroso.
- 18:30 a 19:30 h. Contos e lendas do Samaín.
- 19:30 a 20:30 h. Showcooking “Con sabor a outono”.
O alcalde, José Tomé, destaca a importancia de iniciativas coma esta para impulsar a actividade comercial e económica da cidade. “Desde o Equipo de Goberno seguimos apostando pola dinamización do comercio de proximidade e por dar visibilidade aos produtos de tempada e aos produtores da nosa contorna”, apunta.
Neste senso, o rexedor subliña tamén o valor destas propostas para dinamizar a cidade e ofrecer alternativas de ocio á veciñanza: “Queremos que Monforte conte cunha programación variada ao longo de todo o ano, que anime as rúas e os espazos comerciais, atraia visitantes e permita que persoas de todas as idades desfruten de actividades compartidas”, indica. O Mercado de Outono, conclúe, “é unha oportunidade para combinar compras, gastronomía e diversión nun espazo como é a nosa Praza de Abastos”.


