HomePolíticaApróbase coa abstención do PP a moción de Espertamonforte para reclamar á...

Apróbase coa abstención do PP a moción de Espertamonforte para reclamar á Xunta unha escola da Galiña Azul

No pleno de outubro do Concello de Monforte de Lemos aprobouse a moción do Grupo Municipal Espertamonforte para reclamar á Xunta unha escola infantil pública da rede Galiña Azul na cidade. A moción saíu adiante con 13 votos a favor de Espertamonforte, PSOE e BNG, ningún en contra e as 4 abstencións do Grupo Popular.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na exposición de motivos, Esperta explicaba que Monforte, segunda cidade da provincia de Lugo, non ten ningunha escola infantil 0-3 da rede autonómica. Conta cunha escola municipal de 41 prazas, financiada polo Concello, e cunha gardería privada co mesmo número de prazas. Segundo o IGE, en xullo de 2025 había no concello 532 nenos e nenas de 0 a 4 anos, e a lista de agarda da escola municipal para o curso 2026-2027 foi de 26 crianzas.

A moción aprobada insta á Xunta a incluír nos Orzamentos de 2027 unha partida para iniciar unha escola Galiña Azul en Monforte, e a presentar no Parlamento, antes de que remate 2026, un plan orzamentario para cubrir toda a demanda de 0-3 no sur de Lugo, coa escola de Monforte en funcionamento en menos de tres anos. “O Pleno pídea por amplísima maioría, o Concello pon o terreo e o diñeiro houbo. O único que faltou foi vontade da Xunta”, asegura Vázquez, que anuncia que Espertamonforte fará seguimento do cumprimento destes acordos. O alcalde comprometeuse no Pleno a ceder o terreo para que a Xunta constrúa a escola “mañá mesmo” se así o decide.

Lamenta a formación política as explicación dadas polo PP no pleno. “O Partido Popular vén ao Pleno pedir que o Estado colabore, cando o Estado xa puxo o diñeiro e foi a Xunta quen o devolveu. Non se pode reclamar corresponsabilidade a quen che deu os cartos e ti lle devolviches. Mentres a Xunta devolvía millóns, en Monforte quedaban 26 nenos e nenas en lista de agarda.”

Na súa intervención de peche, Vázquez lembrou que a rede Galiña Azul é autonómica e que é a Xunta quen decide onde se constrúe unha escola: “Non hai que agardar polo Goberno de España para poñer unha escola en Monforte”.

ÚLTIMAS

Últimas proxeccións da curta ‘Descensos’ no IES Daviña Rey de Monforte e Lamas das Quendas de Chantada

A curta "Descensos", que une documental e ficción, conta a historia de dous descensos...

Monforte licita o PXOM por 859.100€ e un prazo de execución de 60 meses

Co envío do anuncio de licitación ábrese o procedemento de contratación e o prazo...

O CCU de Monforte avanza na súa continuidade ao coñecer a posibilidade dunha candidatura á directiva

O interese expresado durante a asemblea, xunto co trasladado por teléfono por outros socios,...