O Concello de Monforte inicia actuacións destinadas á mellora, conservación e renovación de varias áreas de xogo infantil do municipio, co obxectivo de garantir que estas instalacións se atopen nas mellores condicións de uso e seguridade para os nenos e nenas.
Nos parques da Compañía, A Pinguela e barrio do Hospital realizaranse traballos de reparación e mellora do pavimento amortecedor de caucho, co fin de recuperar as zonas que presentan algún deterioro e mellorar as condicións de seguridade e comodidade das instalacións.
O alcalde, José Tomé, destaca a importancia de manter en bo estado os espazos públicos destinados ao lecer infantil, “son espazos fundamentais para o xogo, a convivencia e o desenvolvemento dos máis pequenos, polo que é importante realizar actuacións periódicas de mantemento e renovación”.
Durante a execución dos traballos será necesario restrinxir temporalmente o acceso ás áreas infantís nas que se estea intervindo, tanto para facilitar o desenvolvemento das obras como para garantir a correcta instalación e consolidación dos novos pavimentos antes da súa posta en servizo. O Concello solicita a colaboración e comprensión ante estas restricións puntuais.

