O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada grande. Pola mañá desenvolveuse a presentación dos proxectos ante o xurado e pola noite celebrouse a cea e gala de entrega de premios. Na devandita gala participaron os dez proxectos finalistas desta XII edición e representantes de empresas e institucións que patrocinan e colaboran con este certame que leva entregados 35 premios e un total de 225.000€, ademais dos cursos de formación empresarial que comezou a ofrecer na pasada edición grazas á colaboración da Agader.
Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta XII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós proxectos gañadores, e a todas as iniciativas participantes pola altísima calidade das propostas e o talento e a ilusión como emprendedores.
PREMIOS
O xurado desta XII Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra decidiu conceder os seguintes premios:
1º Premio de 10.000€ para AZKA SAKRA, DESHIDRATACIÓN DE FROITAS: proxecto de transformación agroalimentaria para a deshidratación artesanal de froitas e verduras de colleita propia e de produtores locais.


2º Premio de 6.000€ para ADEGACONNECT: Unha plataforma cloud deseñada para pequenas adegas da Ribeira Sacra que necesitan dixitalizar a súa trazabilidade, permitindo controlar o ciclo completo “do viñedo á botella”.


3º Premio de 4.000€ para UVA ENTEIRA, TRANSFORMACIÓN BAGAZO: Transformación escalable do bagazo da uva da Ribeira Sacra en produtos premium de alto valor engadido.


Ademais dos anteriores galardóns de carácter económico, e seguindo o camiño do pasado ano, os 10 proxectos finalistas poden acceder a un plan de asesoramento técnico que se desenvolverá no primeiro semestre do vindeiro ano e que conta coa financiación do AGADER. O Concurso ofrece así unha formación empresarial que se suma aos premios económicos para os tres proxectos mellor valorados.
E como novidade neste apartado de recompensas formativas, este ano amplíase co Executive MBA de Ef Business School na Coruña (Fundación Venancio Salcines), unha formación á que poderá acceder o proxecto mellor clasificado, que en caso de renunciar pasaría ao seguinte proxecto.
PARTICIPACIÓN DE PERSONALIDADES
Na entrega de premios participaron a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, quen destacou “a importancia deste tipo de propostas, que apoian a posta en marcha de proxectos que contribúen positivamente ao desenvolvemento das zonas rurais”; e a Vicepresidenta Primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias. O acto foi presentado pola presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.
CONCURSO DE PROXECTOS EMPRESARIAIS SEMENTE RIBEIRA SACRA
Este certame premia anualmente, desde o 2014, as mellores ideas de iniciativa empresarial, co obxectivo de promover a cultivar iniciativas que axuden a desenvolvemento de Monforte e a súa contorna. Teñen preferencia as iniciativas vencelladas ao territorio Ribeira Sacra, aínda que o concurso sempre estivo aberto á calquera persoa física de calquera lugar do mundo que tivese unha idea para a posta en valor dos recursos do rural.
Na edición deste 2026 inscribíronse 82 persoas das que 63 completaron a inscrición da súa idea antes do 31 de maio. Recibíronse propostas moi diversas, desde proxectos educativos e tecnolóxicos ata proxectos musicais e de rehabilitación, pasando por ideas gastronómicas, terapias de benestar, artesanía, bebidas, cosméticos ou laboratorios de memoria rural.
PATROCINADORES E COLABORADORES
A XII edición do Concurso de Proxectos Semente Ribeira Sacra contou co patrocinio das seguintes institucións: Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, AGADER, Vicepresidencia Deputación Provincial de Lugo (área Rural), Deputación Provincial de Ourense, Concello de Sober, Concello A Pobra do Brollón, Concello de Pantón, Concello do Saviñao e Concello de Bóveda.
As empresas patrocinadoras son: Barbosa e Hijos, CT Galega, Hijos de Rivera S.A., Gadisa, Inveravante, Dimaga, Daveiga Produción Responsable, Sicyme, Dalia Sistemas e Notaría de Sarria.
Tamén contan coa colaboración da Universidade de Santiago, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Escuela de Organización Industrial, Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, Fundación Venancio Salcines e o Parador de Turismo de Monforte.

