A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou esta semana no II Encontro de correlacións empresariais organizado no Polo de Emprendemento e apoio ao Emprego de Monforte de Lemos.
A directora puxo en valor o evento pola súa capacidade para reunir persoas emprendedoras da contorna co gallo de dar visibilidade aos seus proxectos e de descubrir posibles colaboracións e sinerxías; e convidou ás iniciativas participantes a pór sobre a mesa as súas experiencias e necesidades co afán de —a través do diálogo e da reflexión— extraer conclusións en beneficio de todas.
A Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, con 15 oficinas espalladas polo territorio galego, ofrece asesoramento gratuíto e personalizado para iniciar e desenvolver un emprendemento. No caso da provincia de Lugo, ademais do de Monforte, funcionan os de Mondoñedo, Friol, A Fonsagrada e Sarria.

