O orzamento será sometido a debate e aprobación no Pleno municipal do vindeiro luns 30 de novembro. No repaso das principais cifras económicas, José Tomé detallou que a previsión de ingresos e gastos para o ano 2027 ascende a case 21,5 M€, fronte aos 18.424.200 euros do ano pasado, cun incremento de 3.044.934 euros, 16,52% máis.
No capítulo de ingresos, un total de 6.517.109,40 euros corresponden á participación nos Tributos do Estado, mentres que 1.042.989,33 euros proveñen dos Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia. Neste punto, o alcalde sinalou que “outro ano máis, o Goberno da Xunta está moi lonxe de igualar ao Estado para axudar a Monforte como se merece”.
Nos ingresos municipais o rexedor destaca, a partida correspondente ao IBI con 4.150.000 euros, a mesma cantidade que en 2026, conservando o mesmo gravame dos exercicios anteriores, sen ningún incremento desde 2012. A partida da taxa de lixo increméntase en 86.278,14 euros, pasando de 1.786.837,55 euros en 2026 a 1.873.115,69 euros en 2027, un 4,8% máis. Este aumento, indicou o rexedor, “débese ao incremento do canon de Sogama, que xa figura diferenciado no recibo, do mesmo xeito que acontece co recibo da auga, no que se separan o consumo e o canon da Xunta de Galicia”.
No referido á Piscina Municipal, que desde a súa reforma integral experimenta un incremento progresivo no número de socios, prevense uns ingresos de 400.000 euros, 95.835,86 euros máis que en 2026, o que representa un aumento do 31,5%. O orzamento incorpora tamén 270.242,05 euros previstos pola urbanización da Zona D, correspondentes á repercusión do custo da urbanización. Esta contía, xunto con partidas que aumentan como a da Piscina Municipal ou a do imposto do 1,5% que deben satisfacer as empresas enerxéticas e de gas, “contribúe a que o Capítulo 3 aumente en máis de 420.000 euros, pasando dos 3.806.911,69 euros de 2026 aos 4.235.217,74 euros de 2027”, subliñou o alcalde.
No apartado dos gastos, o Capítulo 1, correspondente ao persoal, ascende a 6.042.742,59 euros, o que supón un incremento de 262.285,33 euros respecto a 2026, un 4,54% máis. O rexedor explicou que “esta subida responde ao previsible incremento salarial establecido para o conxunto do Estado, do 4,5%, máis un 0,5% adicional se a inflación supera o 1,5% a final de ano, polo que, en definitiva, o incremento salarial dos funcionarios será do 5%”. Ademais, recóllese a cobertura de novos postos de traballo, concretamente dúas prazas nas áreas de Cultura e Medio Ambiente.
No Capítulo 2, correspondente ao gasto corrente, a partida total ascende a 10.994.611,07 euros, fronte aos 10.127.264,17 euros de 2026. Isto representa un incremento de 867.346,90 euros, un 8,56% máis, debido principalmente á achega para o Servizo de Axuda no Fogar e ao incremento dos custos do servizo de recollida do lixo, que se actualizan segundo o 85% do IPC establecido no contrato.
No Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total ascende a 1.227.468,08 euros, unha cantidade practicamente igual á do exercicio anterior. Á Gardería Municipal destínanse 256.081,09 euros, fronte aos 158.030,64 euros de 2026.
increméntanse nun 170% os investimentos
Pola súa banda, nos Capítulos 6 e 7, correspondentes aos investimentos, o importe destinado a este apartado para 2027 ascende a 2.766.708,22 euros, 1.744.785 de euros máis que o ano anterior, un incremento do 170%. O Alcalde destacou que, “a esta contía, hai que engadir os convenios en marcha e o crédito retido para proxectos xa comprometidos, polo que o volume total de investimentos será aínda maior para que Monforte siga medrando económica e socialmente”.
José Tomé destacou o carácter “expansivo, social e inversor” dos orzamentos municipais para 2027, “que se sustentan nos dous piares fundamentais da acción do seu Equipo de Goberno: os servizos sociais e os investimentos”.
Dentro do gasto social, destaca a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar, que ascende a 2.174.277,76 euros, fronte aos 2.008.000 euros do exercicio actual, cun incremento de 166.277€. Mantense a partida de Emerxencia Social en 75.000 euros, cantidade que, segundo os Servizos Sociais municipais, permite atender as necesidades dos fogares nos que se atopan persoas maiores e menores. Tamén se mantén a achega ao programa Xantar na Casa, ao que se destinan 64.855 euros, o Concello dá cobertura a 35 persoas a través desta iniciativa.
O orzamento aumenta tamén a partida correspondente ás actividades do Programa Activa, que se desenvolven no Centro Cívico e nas distintas parroquias para favorecer o envellecemento activo e previr situacións de soidade non desexada. A partida ascende a 70.000 euros, 5.000 euros máis que en 2026. Este ano alcanzáronse as 741 prazas.
No ámbito da conciliación familiar, mantense a partida destinada ás actividades do Campamento Deportivo de Verán, cunha contía de arredor de 50.000 euros. O Centro de Información á Muller (CIM) incrementa a súa partida, que pasa de 30.000 euros en 2026 a 35.000 euros en 2027, para ampliar as actividades destinadas ás mulleres. Mantéñense as partidas destinadas ás axudas para a adquisición de libros de texto, con 35.000 euros, e as correspondentes ao transporte para estudantes universitarios e de ciclos formativos, con 25.000 euros. O servizo da Gardería Municipal ascende a 256.081,09 euros, fronte aos 158.030,64 euros de 2026, “Con esta achega, o Concello sufraga arredor do 95% dos custos da instalación e mantén a gratuidade para as familias”.
En canto ao transporte escolar, a partida aumenta de 25.000 a 30.000 euros. Así mesmo, mantense a gratuidade do Bus Urbano, cun custo previsto de 76.975 euros en 2027. O Alcalde destacou os bos resultados deste servizo, que pechou 2025 coas mellores cifras de viaxeiros da súa historia, alcanzando os 93.643 usuarios, 11.063 máis que no ano anterior, un incremento do 13,4%.

O segundo gran piar destes orzamentos son os investimentos, aos que o Concello destina 2.766.708,22 euros, case o triplo da cantidade recollida no orzamento de 2026. O Alcalde destacou que se trata do “maior orzamento de investimento directo da historia de Monforte, próximo aos 3 millóns de euros, tal e como se recolle no anexo de investimentos reais”:
–133.000 euros de fondos propios para a construción da Ponte do Malecón, que no conxunto do convenio contará cunha partida anual de 1,5 millóns de euros.
–250.000 euros de achega municipal para o convenio da N-120.
–150.000 euros destinados á mellora de vías urbanas.
–68.979,60 euros para a senda peonil de 4 quilómetros coa que se sanearán os regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel.
–46.500 euros de achega ao convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para mellorar o saneamento e a depuración do Polígono Industrial do Reboredo.
–20.000 euros destinados á mellora do saneamento integral da cidade, concretamente para o tanque de tormentas do Parque dos Condes, dentro do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica.
–30.000 euros para a renovación de semáforos.
–20.000 euros para a adquisición de fincas xunto á Muralla.
O rexedor tamén destacou que se consolida a partida destinada ao fomento da creación de emprego por parte das empresas e dos autónomos, cunha contía de 30.000 euros. No apartado de Deportes, detallou, “increméntase o orzamento nun 14,56%, pasando de 320.240 € a 366.888,33 € para 2027, mantendo as axudas a clubs e a participación en campionatos de España, europeos e mundiais, incrementado as axudas a deportistas individuais, o apoio ao Rally Dakar e investindo na mellora das instalacións deportivas tanto no Luis Bodegas como na Pinguela”.Tomé avanzou que o orzamento de 2027 reforza a aposta municipal polos principais eventos festivos e turísticos de Monforte, Feira Medieval, Festival do Viño ou Festas Patronais.

