O alcalde de Chantada, o independente Manuel Lorenzo Varela, asegura que a súa volta ao Partido Popular débese a que o presidente do partido a nivel galego, Alberto Núñez Feijóo, e a líder provincial, Elena Candia, o convenceron para regresar. “Tanto un como outra foron decisivos para alcanzar este acordo que esperamos que sexa totalmente beneficioso para o concello e para a comarca”, sinala Manuel Lorenzo.
Varela abandonara o partido polo enfrontamento coa que era presidenta do PP local e agora secretaria xeral de Igualdade na Xunta, Susana López Abella. No 2011, Varela acadaba a alcaldía baixo as siglas Independentes Terra do Asma, despois de ter sido alcalde, tamén co PP. Manuel Lorenzo Varela asume que Inta non continuará e que os seus concelleiros pasarán ao PP. Así, afirmou que “a maioría dos que están na corporación (os seus concelleiros) están para pasarnos ao PP”. O alcalde non oculta que tivo “máis noivas” para concorrer ás municipais, aínda que repón que “un opta polo máis serio e tamén polo máis rendible”.
O anuncio da volta de Manuel Lorenzo ás filas do PP é visto polo PSOE como un intento por recuperar a Deputación. En rolda de prensa, Luis Álvarez, acusaba ao PP de “estar instalado” nunha “dinámica absolutamente depredatoria” na provincia de Lugo co obxectivo de recuperar a institución provincial.
Neste sentido, Álvarez considera que parece que os populares teñen “renovadas expectativas” na provincia. “Están a traballar con moita intensidade, nalgún caso raiando un mal uso dos fondos públicos”, denuncia que o PP “está a empregar o que se supón que son funcionarios públicos para facer política en horario de traballo”.
Preguntado sobre as críticas de varios sectores socialistas á configuración das listas para os próximos comicios electorais, sinalou Luís Álvarez, que considera que as críticas responden a que parte da militancia cría que as listas “ían configurarse en base a votos” cando se ían a elaborar “en base a propostas” que son “susceptibles de ser modificadas”.