InicioMovementos sociaisUn repaso do 8M nos concellos do sur de Lugo

Un repaso do 8M nos concellos do sur de Lugo

Resumimos a celebración do ‘Día Internacional da Muller’ en diferentes concellos do sur de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

No Concello da Pobra do Brollón conmemoraron o 8 de marzo con diferentes actividades que, por mor da choiva, foron trasladadas á Casa da Cultura Olga Novo. Alí repartíronse entre os asistentes bolsas e mochilas para que a cativada e as/os maiores levaran consigo os versos da poeta local Noa Moreira. Eses versos foron os seguintes: “ser sempre esta que son, a que quero ser”.

O concelleiro Ricardo Rodicio leu o manifesto e deseguido, as nenas e nenos do colexio leron lemas reivindicativos en defensa dos dereitos e a igualdade da muller. O acto rematou co espectáculo ‘Maxia pola Igualdade’ de Leo Leíño.

No Concello de Sarria, fíxose pola mañá a lectura dunha declaración institucional diante da Casa do Concello coa presenza da corporación local reivindicando novos avances en materia de igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida. E x apola tarde ás 17.30 horas, a compañía Trémola Teatro ofrecerá na Casa da Cultura a obra 8(M)ULIER, dirixida ao público de máis de 12 anos de idade.

Acto institucional do 8M en Sarria. Foto: Concello de Sarria.

En Monforte de Lemos o concello celebrou o “Día internacional da Muller” coa lectura do manifesto en defensa da igualdade e obsequiando coas “plantas da igualdade”.

O alcalde e os demais membros do Equipo de Goberno presentes, repartiron entre os asistentes estas “plantas da igualdade”, unha representación simbólica do esforzo e coidado diario que temos que facer entre todos e todas para conseguir a meta perseguida, a igualdade real na vida cotiá.

Reparto das ‘plantas da igualdade”. Foto: Prensa Concello de Monforte.

Ás 20:00 h. a asociación feminista Femforte organizou un concerto na Casa da Cultura e a continuación unha concentración na Praza de España con lectura dun manifesto.

No Concello de Sober destacou o decorado de globos que se colocou na Praza elaborado polo alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e o traballo da Escola de Música de Sober na realización dun vídeo sobre a igualdade.

8M feito con globos. Foto: Concello de Sober.

No Concello do Incio destacar o traballo da cativada do Colexio coa presentación dun mural baixo o lema ‘Mulleres con afouteza’, onde aparecen as mulleres da vida do alumnado xunto cunhas fichas descritivas das mulleres relavantes da nosa contorna, e a elaboración  dunhas chapas para conmemorar o 8M.

Mulleres con afouteza, traballo da cativada do colexio do Incio. Foto: Concello do Incio.

No Concello do Saviñao deuse lectura ao manifesto e tamén se colocou o traballo das nenas e nenos do colexio na fachada da Casa do Concello. Un fermoso traballo feito con globos nos que puxeron o nome de mulleres referentes para eles e do seu conxunto conformouse o motivo principal deste día, o 8M.

Acto institucional no Concello do Saviñao e 8M feito con globos / Concello do Saviñao.

No Concello de Chantada pola mañá a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, leu o manifesto institucional no salón de plenos da Casa da Cultura de Chantada acompañada polas traballadoras do CIM, Centro de Información ás Mulleres de Chantada, demais persoal do Concello de Chantada GDR Asociación Miño Ulla, membros da corporación municipal PSdeG-PSOE Chantada e máis xente da vila. Pola tarde, a asociación Polamiúda realizou unha manifestación dende a Plazuela ata a praza do Cantón onde leu un manifesto.

Manifestación organizada por Polamiúda. Foto: Concello de Chantada.

En Quiroga o CIM fixo entrega de material conmemorativo do 8M a quen se achegou ao concello e na entrada á vila luciu de cor morado o cartel de benvida que hai na entrada. Así mesmo, o CIM inaugurou esta tarde a exposición “Chicas nuevas 24h” e a continuación proxectouse o documental do mesmo nome “Chicas nuevas 24h” dirixido pola actriz, modelo, escritora e directora de cinema Mabel Lozano.  A devandita exposición pode verse na sala de exposicións Manuel María da Casa da Cultura ata o 23 de marzo.

En Ribas de Sil fíxose a lectura do manifesto no CEIP de San Clodio e presentouse o collage feito polos alumnos e alumnas. Tamén se fixo entrega de material divulgativo (chapas e pulseiras) e colocouse unha mesa e da pancarta do 8M no Concello.

Lectura do manifesto no CEIP de San Clodio. Foto: Concello Ribas de Sil.

No Concello de Bóveda houbo unha concentración con persoal traballador e co equipo de goberno e o Centro Sociocultural de Bóveda encheuse de bandeirolas violetas reivindicativas sobre a discriminación das mulleres no ámbito laboral. As bandeirolas levaban mensaxes con motivo do 8M para lembrar que hai camiño por percorrer para alcanzar a igualdade real entre homes e mulleres.

Celebración 8M en Bóveda. Foto: Concello.

En Taboada, a Asociación de Mulleres Rurais “Landra”, en colaboración co Concello, organizaron unha concentración con poesía, debuxos e candeas na Alameda.

Concentración polo 8M en Taboada. Foto: Concello

ÚLTIMAS

A historiadora Manuela Sáez doa ó Concello de Monforte unha réplica do busto do VII Conde de Lemos

A réplica deste busto foi doada por Sáez ó Concello de Monforte, e foi...

A Libraría Pelayo de Monforte presenta 3 libros este 23 de abril

A Libraría Pelayo de Monforte acolle este martes, 23 de abril, a presentación de...

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...