Malia que os datos non son aínda definitivos, a ocupación durante o mes de xullo sitúase lixeiramente por debaixo da acadada no 2023 (4-5 puntos menos) en porcentaxes. Pero, que significan os datos recabados en número de prazas ocupadas?. Por exemplo en xullo do 2020 houbo 3710 prazas ocupadas cada día de media durante e foron 6489 prazas ocupadas cada día de media durante o mes de xullo 2024. En 4 anos case se duplica.
Segundo testemuñas dos propios xestores, o turismo rural é a categoría que sofre unha maior caída de reservas efectivas en comparación con períodos anteriores, tanto para o mes de xullo como para agosto mantendo a tendencia dos últimos anos que, salvando algúns momentos do ano como a Semana Santa, ten minorado ocupación. “A causa principal que defende o sector para o descenso, é o brutal incremento da oferta de VUT e VT”, destacan desde o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Os datos de ocupación segundo o tipo de establecemento para o mes de xullo foron:
- Hoteis 4 e 3*: 81%
- Turismo Rural: 62 %
- VT e VUT: 59%
- Resto aloxamentos: 67%
As previsións para agosto son as seguintes:
- Hoteis 4 e 3*: 84%
- Turismo Rural: 64 %
- VT e VUT: 82%
- Resto aloxamentos: 72%
A porcentaxe de ocupación para agosto é moi semellante á do ano pasado. A tipoloxía que aumenta as previsións de ocupación son os hoteis de 4 e 3 estrelas. En termos xerais, os números coinciden cos datos de ocupación acadados no 2020, ano moi bo a pesares de todas as restricións asociadas á situación sanitaria pola pandemia.
“Temos que ter moi presente que a oferta de aloxamentos aumentou significativamente nestes últimos 4 anos, tanto pola incorporación de 5 novos concellos ao xeodestino, como polo importante crecemento do número de vivendas de uso turístico. A día de hoxe a diferenza co 2020 son 499 aloxamentos máis (4.027 prazas), dos cales 417 son vivendas de uso turístico”, sinalan desde o Consorcio.
En agosto do 2020 houbo 4594 prazas ocupadas cada día de media, no 2024 a previsión é de 7394 prazas ocupadas.