O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte; acompañado polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o da PAC e o Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; mantivo este venres unha reunión con representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega para abordar a situación que atravesa a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nela, acordaron constituír unha mesa de traballo e de colaboración mutua para apoiar esta zona de produción vitivinícola, que se enmarca dentro do espazo de diálogo aberto con todos os axentes do sector, incluídos o Consello Regulador e as adegas.
Martín Alemparte lembrou as medidas que se avanzaron no Consello do pasado 2 de setembro, con axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con 2 millóns de euros; e as destinadas para a destilación de crise aprobada para esta DO, que contarán cun investimento de 500.000 euros de fondos propios para a xestión do excedente de viño.
Estas medidas complétanse con outras dirixidas ao sector vitivinícola no seu conxunto, como a ampliación da formación e da divulgación das axudas da PAC, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, ou as achegas do Igape para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén recalcou que estas mesas de traballo estudarán a planificación estratéxica que precisa a DO Ribeira Sacra “para abordar os retos de futuro ante un contexto internacional de descenso de consumo de viño tinto e de acumulación de excedentes”. Neste sentido, avogou por tomar decisións conxuntas a curto e medio prazo que permitan mitigar o impacto da uva non recollida nos viticultores.
Mobilización deste venres, 13 de setembro, en Lugo
A mobilización deste venres estaba convocada inicialmente por Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), pero UUAA descolgouse ao participar na mesa de traballo convocada pola Xunta na mesma xornada, mentres que o SLG seguiu adiante coa mobilización, mentres a Consellería do Medio Rural cancelaba a reunión convocada para o vindeiro mércores.
“As mobilizacións da traballadoras e traballadores son unha ferramenta lexítima nos países democráticos, e non poden ser mercadas a cambio de que a Administración pública cumpra co seu deber, manter un diálogo cos axentes implicados a fin de establecer solucións”, explican desde o SLG.
Mobilización crise D.O. Ribeira Sacra / SLG
Insisten desde o sindicato que na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, “arredor de 1.400.000kg de uva tinta van quedar sen vendimar este ano porque as adegas teñen excedentes de viño e non queren recoller máis uva ás produtoras. Isto afecta de xeito directo a arredor de 600 persoas que traballaron todo o ano na viña e que agora non teñen quen lles merque a uva.”
O ano pasado a uva nesta DO mercouse a aproximadamente 1,50€, “tendo en conta que a súa produción ronda o millón e medio, os ingresos a deixar de percibir pola poboación asentada na comarca serían de 2.250.000€ aproximadamente, con repercusións a todos os niveis”.
O SLG anuncia que ata que se proceda á publicación de medidas no DOG e, polo tanto, se concrete exactamente que tipo de actuacións, cando e con canto orzamento vai actuar a Xunta de Galicia para paliar esta crise de excedentes, o sector seguirá con mobilizacións. E insisten nas demandas á Consellería de Medio Rural:
- Axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva.
- Mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes.
Mobilización crise D.O. Ribeira Sacra / SLG