O municipio lucense de Chantada despediu este mércores aos dous mozos falecidos este martes nunha saída de vía na estrada N-540 provocada por un xabaril. Os enterros celebráronse, un esta mañá, e outro a media tarde deste mércores, ambos cunha grande afluencia de veciños visiblemente emocionados. Entre eles estiveron compañeiros do equipo xuvenil da Sociedade Deportiva Chantada, no que xogaban os falecidos.
Os dous mozos mortos e o único sobrevivente, o condutor do vehículo, viñan de xogar un partido cando ocorreu o accidente. O conxunto lamentaba o ocorrido a través das súas redes sociais: “Queda suspendida temporalmente toda a actividade desta entidade. Desde xa, o SD Chantada está a disposición das familias para o que precisen”.
“Unha desgraza”, tal e como sinalou o tenente de alcalde do municipio, Manuel Diéguez. Precisamente o Concello declarou dous días de loito oficial polo ocorrido. As bandeiras ondearán a media hasta e as actividades municipais quedarán suspendidas.
UN XABARIL QUE CRUZOU A CALZADA
O 112 tivo constancia do ocorrido ao fío das 00.15 horas, cando varios particulares chamaban á central de emerxencias para solicitar axuda para os ocupantes do coche, que estaban atrapados. Así, de acordo cun dos alertantes, o sinistro púidose deber a un xabaril que se interceptou na calzada.
Seguidamente, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros de Chantada e de Garda Civil de Tráfico. Unha vez no lugar, os membros de salvamento e extinción de incendios do municipio empregaron material de excarceración para liberar a dúas dos ocupantes, sen que se puidese facer nada por salvarlles a vida. Tratábase de dous homes de 18 anos, veciños de Chantada.
O condutor, a pesar de que sufría unha crise de ansiedade, saíu ileso. Deste xeito, a central de emerxencias informou os especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a súa atención a familiares e achegados dos falecidos. No operativo tamén participaron efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse o aviso á Policía Local.