Do acto de presentación participaron o Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a Xefa territorial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez; Efrén Castro, Vicepresidente da Deputación de Lugo e Lucía Lobelle, Moisés Francisco e Ana Lage da asociación promotora, a Asociación Cultural O Castañazo.
O Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, destaca a o traballo da Asociación Cultural O Castañazo, que chega a 20 edicións cun cartel integramente de música en galego, “É significativo e de agradecer que todos os grupos desta edición sexan de Galicia. Se a climatoloxía acompaña esperamos ver moita xente durante os concertos e nas rúas participando das actividades paralelas ao Festival e que están pensadas para todos os públicos. O impacto socioecómico desta cita na vila é moi importante, confírmano desde a hostalaría, a restauración ou o comercio”.
O Concello de Chantada concede para esta celebración unha subvención nominativa de 15.000€, ademais de colaborar en toda a operativa loxística. O Festival contará este ano cunha carpa cedida polo Concello de Taboada para a Feira de Artesanía que se desenvolverá na Praza do Cantón.
Nesta edición contarase o venres, 31 de outubro, coas actuacións de The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae. O sábado, 1 de novembro, os concertos correrán por conta de Baiuca, De Ninghures, Rastreros, A Banda da Loba e a Osquestra Bravú Shangai. As doses de música completaranse con Yaya DJ e Pasarrúas con Mekanika Rolling Band. O 1 de novembro actuarán gran parte dos creadores do movemento bravú. O Festival conta con zona de acampada gratuíta nos pavillóns dos colexios.
Ademais dos concertos organízanse actividades paralelas para dar ambiente a toda a vila. O 31 de outubro celebraranse os Xogos Bravús no CurralBravú, situado na Praza do Cantón. O 1 de novembro ás 11.30 no Auditorio Municipal de Chantada cita con Ourizo Miúdo, crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión contando coa visita especial do Xabarín. Desde as 15:00h terá lugar o Certame de Cantos de Taberna que comezará na Praza de Santa Ana. Ás 19:00h no Recinto do Festival celébrase o Magosto do Castañazo.
Toda a información e entradas na web do Festival

Presentación Castañazo 2025 / Concello de Chantada

