O pase de primavera do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra baixou o telón, poñendo deste xeito o peche tamén á segunda edición, iniciada en agosto de 2025.
“Centos de persoas achegáronse aos diferentes puntos da Ribeira Sacra onde tiveron lugar as actividades do Vendaval, tanto as abertas ao público como as dirixidas a escolares”, comentan dende a organización. Máis dunha ducia de actos programados que tiveron lugar nos concellos de Sober, Bóveda, Chantada, Monforte, Sarria e O Incio. Toda a programación, agás a masterclass de Iván Castiñeiras e a cata de viños comparativa, foi de balde, achegando actividades culturais e de lecer a todo tipo de públicos.
ANUNCIO DA TERCEIRA EDICIÓN
A terceira edición está xa próxima, pois terá lugar do 27 ao 30 de agosto en diferentes puntos da Ribeira Sacra como nas mostras anteriores. En vindeiras semanas desvelarase aos poucos o programa, mais xa se pode adiantar a que será a actividade principal: unha masterclass de dous días na Casa da Memoria (Xullán, Bóveda) coa cineasta portuguesa Margarida Cardoso.
A realizadora visita Galicia para impartir por primeira vez un curso sobre a maneira en que o cinema portugués confrontou as herdanzas do colonialismo, a memoria da guerra colonial e das independencias africanas ao longo de diferentes xeracións. Cardoso vén de arrasar nos premios Sophia da Academia Portuguesa de Cinema, con dez galardóns ao seu filme Banzo (incluídos mellor filme e mellor dirección), que se proxectará no Vendaval. As inscricións ao curso estarán dispoñibles proximamente na web da Mostra.
VENDAVAL
Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira. Cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e os vínculos artísticos e culturais entre ambos territorios, é tamén unha aposta polo cinema de autor no rural espallando a súa proposta en tres pases ao longo do ano e en zonas nas que non abundan os eventos cinematográficos.
A través dun programa estruturado en tres pases ao longo do ano -outono, primavera e verán-, esta mostra pretende chegar a un público diverso involucrando profesionais do audiovisual, das artes e do coñecemento, centros educativos e tecido asociativo. Artéllase a través de actividades culturais e formativas diversas, en espazos diferentes do territorio mais cun deles de referencia: A Casa da Memoria de San Xullán, en Bóveda.
O evento conta co apoio do Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais mediante o programa “Territorio Cultura”.

