Aproveitando esta data, véspera do Día de Reis, facemos un breve repaso do recibimento das Súas Maxestades de Oriente que fixeron, e do que deron conta xa informativamente a través das súas redes sociais, algúns dos concellos do Sur de Lugo.
Os Reis Magos de Oriente visitaron Monforte aínda que o recibimento non puido ser, como de costume, na estación de ferrocarril. Por mor das obras que se realizan alí as Súas Maxestades comezaron a súa tradicional visita no parque Doutor López Suárez, fronte ao Cuartel da Garda Civil, onde foron recibidos, ás 17.30 horas, polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno.

Ás 18.30 horas comezou a Cabalgata, integrada por catro carrozas, unha coa Estrela de Nadal e tres para Melchor, Gaspar e Baltasar, cos seus paxes. Como é tradición, o alumnado de 6º de Primaria dos centros de ensino de Monforte exerceron de paxes na Comitiva Real, acompañando aos reis e lanzando confeti e serpentinas de papel entre os asistentes. O desfile contou co acompañamento musical dunha charanga e unha comparsa de figuras luminosas de osos e elefantes.
Xa na Casa do Concello, os Reis dirixíronse aos presentes dende o corredor e despois, coa axuda de concelleiros e paxes, fixeron o esperado lanzamento de caramelos á cativada. A continuación recibiron a nenas e nenos na baixo da casa consistorial para recoller as súas cartas e peticións.
A pesar do frío a Cabalgata de Reis de Chantada foi seguida por moita xente durante as distintas partes do percorrido que comezaba na DomusVi, despois de visitar ás persoas residentes, e remataría no Auditorio Municipal cunha multitudinaria chocolatada.
Mechor, Gaspar e Baltasar que tiveron un encontro cos nenos e nenas de Chantada despois do desfile, repartiron case 600 conos de chucherías. Durante o percorrido entregáronse 200 quilos de caramelos.

A decoración das carrozas para o defile das Súas Maxestades, acompañados de seus paxes, renovouse totalmente. O desfile contaba tamén coa animación de dúas mariposas patinadoras e 2 cervos luminosos.
Ao encontro dos Reis Magos coa infancia do municipio acudiron tamén o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e os concelleiros de Cultura, Manuel Diéguez, Turismo, Pamela Fernández e Servizos Sociais, María Cándida Carnero. O rexedor destacaba o éxito da cita que contou con moita participación e acompañamento da climatoloxía, xa que a pesar do frío non choveu.

No Concello de Taboada os Reis Magos estiveron acompañadas dos seus paxes e pasearon dacabalo polas rúas da vila. Ademais, trouxeron un carro do país tirado por dous bois para transportar os agasallos.
Como remate, ofreceuse chocolate e doces á cativada. Dende o concello trasladan o seu agradecemento a todas as persoas que participaron nesta xornada, así como á escola hípica La Cruz, aos efectivos da Protección Civil, e sobre todo aos Reis.


Os reis Melchor, Gaspar e Baltasar tamén tiveron actividade pola mañá. No Concello de Pantón estiveron no Centro de Día e na Gardaría Municipal. Despois, pola tarde, a cativada recibiunos no salón de actos do Edificio Sociocultural.

Onde si chegaron en tren as Súas Maxestades foi no Concello de Ribas de Sil. Con moita xente esperando o momento, Melchor, Gaspar e Baltasar baixaban na estación de San Clodio-Quiroga acompañados dos seus respectivos paxes para despois achegarse nun vehículo especialmente habilitado ao salón de actos da Casa do Concello. Alí, os nenos e nenas achegáronse a eles para trasladarlles os seus desexos e recoller tamén algún agasallo anticipado.



No Concello de Sober os Reis Magos preferiron facer acto de presenza pola mañá. Así, ás 12:00 h. visitaron a Residencia da Nosa Sra do Carme, e despois asistiron ao salón de actos do Centro Sociocultural. Ás 12:30 h. recibiron á cativada e, ademais de escoitar as súas peticións e desexos, déronlles agasallos.


Como curiosidade tamén mencionar que no Concello de Folgoso do Courel, os Reis Magos non se desprazaron en camelos. Fixérono en Land Rover para poder estar ás 16:30 h. en Seoane, e ás 18:00 h. en Folgoso. Nesta última vila, capitalidade do concello, recibiron á cativada no salón de actos da Casa do Concello.



