Piensos Senra S.L. é un negocio familiar que existe en Monforte dende o ano 1946. Segundo nos conta María José Senra, fundouno o seu avó Avelino, despois pasou aos seus pais, e hai uns 25 anos púxose ela ao fronte da empresa.
O señor Avelino empezou cun muíño de maquía e despois o seu pai empezou a meter xa cereais, salvado e pensos. Con María José ampliouse a oferta con horta e xardinería (árbores, sementes, abonos e fertilizantes, fitosanitarios, insecticidas) fogar (carbón, produtos de limpeza, matanza, aceite, patacas, viño…), aves de curral, mascotas e granxa (alimentación, antiparásitos, hixiene e accesorios).
“Sempre fun moi responsable, facía o que tiña que facer no almacén e despois ía de festa”
María José axudaba xa de ben pequena ao seu avó e aos seus pais, recoñece que sempre lle gustou e sincérase dicindo que sendo adolescente “sempre fun moi responsable, facía o que tiña que facer no almacén e despois ía de festa”. Todo un presaxio de que Piensos Senra quedaría en boas mans.
Piensos Senra chegou a distribuír a nivel de Galicia pensos e marcas exclusivas pero a estratexia cambiou hai uns anos, cando a decisión foi centrarse na comarca. Co obxectivo de “achegar o servizo ao cliente e ter máis presenza na zona“, naceron tres tendas máis, a primeira delas en Ferreira de Pantón, hai dez anos, á que lle seguiron a de Escairón, no Saviñao e dende hai dous anos a terceira en Sober.
A día de hoxe, e coa expansión comentada, son xa sete postos de traballo en nómina que saca adiante esta emprendedora.
“Piensos Senra chegou a distribuír a nivel de Galicia pensos e marcas exclusivas pero a estratexia cambiou hai uns anos, cando a decisión foi centrarse na comarca”
CLIENTELA FIEL
María José está contenta de como lle van as cousas, con moito traballo iso si, pero insístenos en que debe dar as grazas á fidelidade da súa clientela. “Estou superagradecida. Moitos xa son, máis que clientes, amigos”. Esta confianza queda patente cando nos explica con orgullo que ten clientela de tres xeracións.
Para recompensalos, ofrece unha “tarxeta de fidelización” coa que se acumulan puntos con cada compra canxeables despois en produtos da tenda.
“Esta confianza queda patente cando nos explica con orgullo que ten clientela de tres xeracións”
Cando lle preguntamos a esta emprendedora como leva gañando a confianza da xente durante tantos anos dinos que destacaría principalmente catro puntos fortes: asesoramento, produto bo e de calidade, coidada atención ao cliente e ter un almacén que ofrece moita comodidade ao poder entrar e saír en coche para facer as compras.
NOVAS CANLES DE VENDA: INTERNET
O servizo a domicilio, dinos María José, “sempre o tiven”, coa pandemia funcionou máis pero sempre se lle ofreceu ao cliente.
Cos tempos que corren, preguntámoslle tamén pola presenza de Piensos Senra en internet e de novas estratexias de venda adaptadas ás novas tecnoloxías.
“Hai anos que temos web, unha web informativa e con catálogo” sinala Senra ao tempo que nos anuncia que hai unhas semanas estreou a nova páxina, unha web renovada e con tenda online. “Demos o paso porque é o futuro e fixemos unha selección de artículos que poden ter máis saída por esta canle: xardinería, produtos para mascotas e pequena horta”.
Aínda é moi cedo para valorar resultados, e máis sen ter feito ningunha campaña para dar a coñecer esta nova canle de venda, pero alédase ao falarnos das primeiras compras. “Sorprendeume, por exemplo, que mercaran unhas árbores de froita dende Castela a Mancha”.”Hai que renovarse ou morrer”, sentencia.
No que respecta á presenza en redes sociais, Piensos Senra ten perfil en Instagram e Facebook.
TENDAS DE PIENSOS SENRA
A tenda principal está en Monforte, concretamente na Rúa Benito Vicetto, 45 (tel. 982 40 07 68), dispoñendo ademais de tres tendas máis nos concellos veciños de Pantón, Sober e O Saviñao.
A tenda de Sober está na Praza do Toural, 2 (tel. 982 10 04 70), a de Pantón está en Ferreira, na Estrada de Ourense, 64 (tel. 982 45 67 15) e a do Saviñao está en Escairón, concretamente na Rúa Valle Inclán, 8 (tel.982 45 27 23).