Os raios rexistrados a consecuencia das treboadas que houbo en Galicia na tarde do xoves provocaron sete incendios forestais que afectan a unha superficie total dunhas 416 hectáreas das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Pero as zonas máis afectadas son Lemos e O Courel. En concreto, segundo a información da Consellería do Medio Rural, desde as 20,25 horas do xoves permanece activo un incendio forestal na parroquia de Vilamor do municipio de Folgoso do Courel que afecta a unha superficie de 92 hectáreas.
Neste concello lucense está activo outro lume, concretamente na parroquia de Seceda, que se iniciou ás 1,40 horas da madrugada e que, segundo as primeiras estimacións, afecta a unhas 30 hectáreas. Tamén continúa activo desde as 20,29 do xoves un incendio na parroquia de Outeiro do concello de Quiroga, cunha superficie afectada dunhas 60 hectáreas.
Ademais, ás 20,37 horas rexistrouse outro lume na parroquia de Saa, no municipio da Pobra do Brollón, que queimou unhas 20 hectáreas.
INCIDENCIAS
O Centro Integrado de Atención ás Emerxecias (CIAE) 112 Galicia rexistrou un total de 134 incidencias entre as 19,00 horas e as 00,00 horas da noite do xoves polas treboadas que afectaron, principalmente, ás provincias de Lugo e Ourense.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, as treboadas que tiveron lugar nas últimas horas causaron maioritariamente incidencias relacionadas coa caída de árbores, gallas e outros obstáculos nas estradas.
Así, contabilizáronse ata un total de 105 avisos relacionados con estas cuestións, que obrigaron a intervir aos distintos servizos de emerxencia co fin de restablecer as condicións de seguridade nas vías.
Por provincias, a de Lugo foi a máis afectada, con 81 incidencias vinculadas con este fenómeno meteorolóxico adverso. A segunda provincia onde tiveron lugar máis incidencias foi a de Ourense, que alcanzou 32; seguida da da Coruña, na que se contabilizaron 11; e Pontevedra, que sumou 10.