HomeComarca de QuirogaFolgoso do CourelAs carrilanas, un dos pratos fortes da ‘Festa da Cultura e a...

As carrilanas, un dos pratos fortes da ‘Festa da Cultura e a Tradición’ de Folgoso

O programa para este sábado 22 de xullo contempla, ademais da baixada destes bólidos artesanais, un interesante campionato de xogos tradicionais, unha feira de artesanía e actuacións musicais.

Publicado o

- Advertisement -

Folgoso do Courel celebra este sábado 22 de xullo unha nova edición da coñecida ‘Festa da Cultura e a Tradición’, un evento que vai consolidándose ano tras ano.

A baixada de carrilanas, programada para as 12:30 h., é un dos acontecementos programados que máis expectación esperta pola curiosidade de ver que vehículos van competir e que prestacións ofrecen no percorrido descendente que vai dende o antigo Colexio ata a meta, situada na Praza de Fondo de Via.

Falamos con dous participantes, Dani e Roberto, para saber como chegan á proba deste ano. Dani, de Santa Eufemia, contounos que nesta ocasión apurou bastante na fabricación do seu vehículo e que será compartido co seu fillo Anxo. Non queren desvelar moito máis e nin foto pasaron argumentando que “vai ser unha sorpresa”, co cal hai que desprazarse ata Folgoso para poder ver o bólido en acción.

Dani e Anxo nunha edición anterior das Carrilanas de Folgoso do Courel. Foto: Dani.

Por outra banda, Roberto, veciño de Ferreirós de Arriba, explica para poñernos en situación que dende o 2011 só fallou dúas veces, unha polo Covid e outra polas vacacións. Comenta que apuntarse o primeiro ano foi para el un reto polo feito de construír a carrilana, e así o segue tomando ata o día de hoxe. Sabemos tamén que antes ía a carreiras de carrilanas doutros concellos, pero agora xa non se move tanto.

Como anécdota explica Roberto que o pasado ano axudou a organizar a baixada de carrilanas que se fixo o ano pasado en San Clodio, non Concello de Ribas de Sil. Foi no verán e o percorrido era parte da estrada que baixa da Moá. Recoñece que lle gusta o percorrido e que é unha mágoa que este ano non se poida facer polo tema dos seguros.

Conta tamén o noso informante que antes era máis doado poder participar en diferentes probas de Carrilanas porque podíase contratar un seguro por día, e ademais non saía caro. Agora, seica iso non é posible e cómpre estar federado, feito que supón o pago de 85 € ao ano. En Galicia a referencia é a Federación de Deportes de Inercia (FDI).

A primeira carrilana de Roberto. Foto cedida.
Carrilana de Roberto coa que competiu un amigo del en San Clodio no 2022. Este 2023 será coa que corra el en Folgoso do Courel. Foto: R.

“Compítese para pásalo ben… ás veces hai piques, pero sanos porque non hai cartos polo medio”, reflexiona Roberto adiantándonos que terá 3 carrilanas en boxes do circuíto de mañá: a carrilana del e dúas máis que empregarán un irmán e a un amigo.

RESTO DO PROGRAMA

Rematada a baixada de carrilanas, ás 14:00 h. farase a apertura da Feira de Artesanía e a Exposición de Xogos Tradicionais no emblemático Souto da Carroza. A organización lembra que haberá postos de venda de produtos locais e servizo de polbo e churrasco.

Ás 16:00 h. comezará o ‘Campionato de Xogos Tradicionais’, tendo disciplinas como, por exemplo: arrebolamento de sacho, lanzamento de boina, a chave, a billarda,corte con tronzón.

Ás 17:30 h. actuación do Grupo Merenzao, de Amigos da Pandeireta, co patrocinio do programa Tradigalu da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; e ás 19:00 h. actuación do grupo tradicional O Recanto de Quiroga.

Ás 20:00 h. será a entrega de trofeos e ás 21:00 h. a Cea Popular, previa á verbena que amenizará o Dúo Eclipse.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...