A asociación Qui-Roma, encargada de organizar tamén o ‘Qui-Medo’, vén de anunciar que prepara a terceira edición desta terrorífica cita con moitas novidades e con máis casas do medo repartidas por toda a vila quiroguesa. O encontro, que aspira a converterse nunha das grandes citas da noite do Samaín en Galicia, conta tamén coa colaboración do Concello de Quiroga.
Segundo información dos organizadores, o pasado ano foron 550 as persoas inscritas e nesta nova edición que abriu o 11 de setembro levan xa máis de 150 inscritos, o que augura unha edición que será aínda máis concorrida.
No ‘Qui Medo 2’ os valentes e as valentes que se atreveron a participar percorreron unha ruta que os levaría polo casco urbano de Quiroga, o Paseo Fluvial, Pacios de Mondelo e a Praza Maior con parada en seis casas do terror: A palleira, O circo do terror, A vinganza da matanza, A prisión zombi, A mansión dos vampiros e A casa maliciosa.
Para a cita deste ano os organizadores aínda non deron a coñecer o nome das casas, pero a proximidade do evento está espertando xa moitas expectativas e nestas semanas que restan saberanse máis detalles do Qui Medo a través das súas redes sociais.
Para poder participar nesta nova edición pode realizarse a inscrición de xeito presencial na Casa da Cultura de Quiroga ou chamando ao teléfono 982 435 125.