HomesociedadeO Meco da Ermida, en Quiroga, terá un viño co seu nome

O Meco da Ermida, en Quiroga, terá un viño co seu nome

A iniciativa parte da adega Casa de Outeiro e a presentación oficial do ‘Meco Mencía, Viño de romería' será o vindeiro 10 de marzo na Igrexa de Santa María da Ermida.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A adega quiroguesa Casa de Outeiro vén de anunciar que o vindeiro 10 de marzo presentará unha nova referencia no seu catálogo de viños, trátase do ‘Meco Mencía, Viño de romería’.

Un viño que toma ‘prestado’ o nome do protagonista da senlleira romaría que se celebra na parroquia da Ermida os días 8 e 9 de setembro. As festas na honra á Virxe dos Remedios en San Vitorio e A Ermida son de vello coñecidas polo acompañamento e a danza do Meco e As Pampórnigas.

Segundo se conta, a función do Meco é abrir camiño á procesión coa axuda da súa vasoira de toxos ata que chega a Virxe dos Remedios á Igrexa da Ermida. Unha vez alí, o Meco queda fóra e distrae aos feligreses para que non asistan ao acto relixioso. A máscara máis antiga que existe del data do século XVII e foi restaurada grazas á Asociación Souto do Val no ano 2010. Esta entidade encárgase de preservar e dar a coñecer o valor histórico desta tradición e as súas emblemáticas figuras: O Meco e As Pampórnigas.

A figura do Meco coa característica vestimenta, a máscara e o pau de toxos. Foto: XMF

ADEGA CASA DE OUTEIRO

O proxecto nace, segundo os seus promotores, “co obxectivo de manter o territorio, o patrimonio e as tradicións” como demostran tamén tendo adquirido no 2019 para o seu proxecto vitivinícola a antiga Casa de Outeiro “a cambio dunha promesa, reconstruír a casa e os seus 6 séculos de historia”.

E cumprindo este obxectivo de manter as tradicións chega a idea de bautizar a un dos seus viños como Meco. Segundo informan dende a adega, veñen de asinar un acordo de 25 anos coa Asociación Souto do Val e cos alcaldes de barrio polo que doarán 0,05 euros por botella vendida á asociación. Matizan tamén que esta achega será exclusivamente para gastos e investimentos dedicados ao mantemento e promoción da romaría.

O VIÑO E A PRESENTACIÓN

O Meco Mencía, Viño de Romería, é un tinto xoven, producido en Quiroga dentro do territorio da D.O. Ribeira Sacra, da colleita do 2021, de 13º e cunha acidez total de 4,8.

No que se refire ás notas de cata, en nariz ofrece aromas a frambuesa e froitos vermellos, violetas e aromas florais; no aspecto visual capa media, limpo e brillante con bordes violáceos; e en boca resulta fresco e de paso doado, estrutura media e acidez controlada cun retrogusto agradable e longo.

A previsión é sacar ao mercado unhas 40.000 botellas por colleita.

A presentación oficial será o vindeiro 10 de marzo ás 12:00 h. na Igrexa de Santa María da Ermida. No acto asinarase o acordo de colaboración coa Asociación Souto do Val, haberá unha recreación da romaría por parte do Meco e As Pampórnigas e rematarase cun aperitivo para os presentes. Nel poderase degustar o viño Meco Mencía, e para acompañar haberá caldo galego, empanadas, embutidos e pan de Quiroga e comarca.

ÚLTIMAS

Chantada, nove anos consecutivos obtendo “4 Flores de Honra” no certame Vilas en Flor

O movemento Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega, celebrou este venres...

Pontón compromete no primeiro día de campaña do BNG reforzar Monforte como nó ferroviario estratéxico

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeu o traballo do BNG en Madrid para reforzar...

José Tomé acompaña ao candidato socialista ao Senado, Roberto Castro, no inicio da campaña en Monforte

Do acto de pegada de carteis participou o candidato ao Senado, Roberto Castro, que...

“Falamos de cousas que poden volver pasar”, Rocío, de Rebuldeira Teatro sobre a obra ‘Vermello, unha historia da Guerra Civil’

A compañía Rebuldeira Teatro, de Sarria, chega a Monforte por primeira vez na súa...