As condicións climatolóxicas, con frío e choiva durante a fin de semana, non foron atranco para que Quiroga vivise un gran ambiente na hostalería o pasado sábado 9 de marzo.
Ás sete menos cuarto da tarde os once grupos participantes, o maior número dende que se fan os Cantos de Taberna, comezaban o percorrido marcado pola organización despois de recibir cadanseu itinerario cos locais nos que tiñan que tocar e os 150 € para as consumicións que necesitaran. A disposición das rutas marcadas fixo posible que, durante as cinco horas que duraba o itinerario previsto, en todos os bares participantes había algún grupo tocando.
Nesta edición participaron dez bares de Quiroga: Adega da María, as Palmeras, o Portón, a Botica, o Quiper, Ruxe-Ruxe, Chapakuña, a Parrillada Torres, a Matrioska e o Mesón Ferreiriño; establecementos hostaleiros que viron como a música tradicional se convertía en protagonista nunha noite na que a choiva tivo unha tregua ata cas o remate dos Cantos de Taberna.
No que respecta aos grupos, estiveron en Quiroga: Foliada de Bosende (Bosende), Son do Mao (Bóveda), O recanto (Quiroga), Estoupafoles (Pobra de Brollón), Corenta e Chinco (Pobra de Brollón), Minestreles (Monforte de Lemos), Abertal da Rúa (A Rúa), Macizas Centrais (Trives), Eí os veñen (Ourense), Os Tarabelos (O Saviñao) e Nubeiro Son Galego (Lugo).
Numerosos veciños e xente de fóra de Quiroga percorreron os bares para unirse á festa que fixeron posible os grupos encargados da música e os cantos. Nalgúns momentos puntuais houbo bares nos que case non se collía e viuse aos integrantes do equipo de goberno participando da actividade organizada dende a Área de Xuventude do Concello de Quiroga.
Chegada a media noite remataba o percorrido programado, e aínda que estaba previsto que os grupos se xuntasen na praza da rúa Lago para facer unha foliada conxunta, a choiva impediuno.