Quiroga recupera este evento para celebrar a súa segunda edición dun encontro divulgativo arredor do aceite de oliva que reúne a especialistas de diferentes materias.
Será este sábado 29 de marzo no Auditorio Municipal de Quiroga, a partir das 17:00 h., e contará, para abrir a sesión de charlas, co presidente da APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), Alfonso Rodríguez Udías. Este relator exporá a “Situación do cultivo da oliveira en Galicia”, e a continuación del, ás 18:00 h., Carmen Martínez, científica do CSIC, falará das “Novas variedades de oliveira autóctona de Galicia, únicas no mundo”.
Ás 19:00 h., e baixo o título de “O Aceite de oliva extra na alimentación saudable”, acóllense as intervencións de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora principal do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago) e vogal da SEEDO (Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad); e do Chef galego, premio Gastronomía Saudable no 2024 outorgado pola Sociedade Española da Obesidade, Kike Piñeiro.
DEMOSTRACIÓNS DE COCIÑA NO RECINTO DA MOSTRA DO ACEITE
O II Congreso do Aceite de Quiroga rematará ás oito do serán coa demostración de cociña con aceite de Quiroga e degustación das tapas elaboradas polo Chef Gerson Iglesias do restaurante Erva Hotel Oca Villa de Allariz e dos Chef Diego Domínguez e Maica Couto do local A Ostrería do Mercado de Abastos de Santiago.
A música do grupo tradicional local O Recanto pechará o evento poñendo unha nota festiva ao encontro divulgativo-gastronómico a partires das 20:30 h.

PROGRAMACIÓN DOMINGO 30
Os postos de venda situaranse, a partir das once da mañá, no Recinto da Mostra do Aceite na praza do Auditorio Municipal e realizaranse actividades aproveitando as instalacións municipais próximas como son o Museo Etnográfico ou o anfiteatro.
Como é tradicional dende os 25 anos que se fai a mostra tamén funcionará o Muíño de Aceite de Bendilló para que os visitantes poidan seguir vendo a elaboración tradicional do aceite durante a mañá. Agora ben, nesta ocasión existe a posibilidade de que quen non queira empregar o vehículo particular poda achegarse ás Farrapas nos autobuses gratuítos que sairán dende a praza do Auditorio ás 11:00, ás 12:00 e ás 13:00 h.
Os olivicultores presentes nesta edición con posto son: Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Aceiroga, Jesús Arias Rodríguez, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.
Neste novo formato de mostra, e dándolle importancia ao protagonismo do aceite de Quiroga nos fogóns, realizaranse degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra. As degustacións levaranse a cabo na sala de catas do Museo Etnográfico ás 12:00, ás 13:00 e ás 16:30h.
Outra novidade será que o evento contará cun embaixador do aceite. Ás 13:30 nomearase como I Embaixador do Aceite de Quiroga ao Chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago Compostela. Xa nomeado como I Embaixador, o Chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas.
Durante esta xornada o recinto feiral estará animado pola mañá coa música do grupo de música tradicional “O Ventosiño” e pola tarde, a partir das 17:30 h. coa música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar no anfiteatro da Praza do Auditorio.