HomeComarca de QuirogaQuirogaWorld Central Kitchen: loxística gastronómica para combater os lumes de Quiroga

World Central Kitchen: loxística gastronómica para combater os lumes de Quiroga

A ONG do cociñeiro José Andrés leva días no Concello de Quiroga cunha Food Truck servindo bocadillos e menús á veciñanza que o precisa e á xente que participa na extinción dos lumes.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

World Central Kitchen, ONG que se dedica a ofrecer comida ante crises humanitarias, climáticas e comunitarias, chegou o pasado 15 de agosto a terras quiroguesas. Ademais de estar agora presente neste territorio pasou por outros lugares en situación crítica das provincias de Léon e de Ourense para prestar loxística gastronómica ao persoal que traballa duramente na extinción do gran incendio que saltou ao Concello de Quiroga dende o ourensán de Larouco.

Ademais de contar cunha Food Truck nunha área de descanso da N-120 entre Bendollo e Bendilló, xusto onde está tamén o ‘Posto de Mando Avanzado’ do operativo para a extinción, está levando comida ao Pavillón municipal e ao Albergue de Quiroga. Estes espazos ofréceos o propio concello para xente que tivo que desaloxar algunha aldea e para equipos de traballo e voluntarios.

Un dos camións de WCK que traballa en Quiroga. Foto: XMF
Cociñeiro na Food Truck. Foto: XMF.

Como complemento ao despregamento anterior, cóntanos un dos seus traballadores que nun edificio municipal de San Clodio habilitaron tamén unha cociña de montaxe de bocadillos tamén para reforzar a loxística.

AXUDA ANTE A CRISE E APOIO AO COMERCIO LOCAL

Sabemos que en Quiroga contan con dez traballadores para mercar e transportar a materia prima que necesitan –como froita ou barriñas enerxéticas–, e tamén coa que elaboran os menús e bocadillos. Este mesmo persoal encárgase de cociñar, preparar e servir todo o anterior. Pero a infraestrutura desta ONG vai máis alá porque en remoto traballa máis xente que cubre accións humanitarias como esta en departamentos financeiros e de telecomunicacións. Todas as compras que se fan na contorna a provedores locais están xestionadas para que a ONG lles pague todo aquilo que se lles merca a maiores do que queiran doar altruistamente e tamén ofrecen solucións de telecomunicacións cando estas se perden na zona, como é o caso, por mor do lume. Como apoio e complemento ao persoal deste punto loxístico de Quiroga contaron en momentos puntuais máis críticos con voluntarios/as para cociñar, facer bocadillos e servilos.

Posto con comida e froita de WCK en Quiroga. Foto: XMF.

Un dos coordinadores que está en Quiroga dinos que “ao tempo que axudamos tamén estamos facendo unha inxección económica no comercio local”. Iso é así porque, no caso de Quiroga, están mercando en supermercados e noutros negocios como é o caso dunha coñecida panadería.

“ao tempo que axudamos tamén estamos facendo unha inxección económica no comercio local”

E todos estes contactos que fan nestas accións humanitarias quedan arquivados para ter nas súas bases de datos por se fixeran falta para futuras ocasións que se puideran dar no lugar ou na contorna.

Bocadillos de WCK. Foto cedida.

ÚLTIMAS

“É un orgullo que pensaran en min como pregoeira”, Mónica Fernández, sumiller

Falamos con Mónica Fernández aproveitando que está a pasar uns días en familia na...

Conclúe con éxito o rescate en helicóptero das xovencas que caeron por un barranco en Taboada

A Administración autonómica púxose desde o primeiro momento a disposición do Concello de Taboada...

Co lema de defensa dos dereitos, das liberdades e dun futuro digno para Galiza, a CIG celebrou o 1º de Maio

A central sindical celebrou esta xornada reivindicativa para expresar o rexeitamento ás políticas que...

FEARS e Por Chantada poñen o foco na instalación enerxética prevista en Pesqueiras

A veciñanza de Pesqueiras a través de Stop Baterías Ribeira Sacra denuncia irregularidades nos...