O pasado xoves entregáronse en Madrid os premios da 22ª edición do CINVE para viños e espirituosos, recoñecéndose tamén as mellores calidades de aceites de oliva virxe extra (AOVE). Despois de avaliar preto de 1.000 mostras procedentes de varios países, resultaron premiados 3 viños e 2 aceites producidos no Concello de Quiroga.
ACEITES QUIROGUESES PREMIADOS
Na categoría de aceites de oliva virxe extra destacou o bo papel da empresa Ouro de Quiroga S.L., a única de España que conseguiu 2 premios Gran Ouro para os seus aceites. Un deles foi o Antigo Reino Coupage 2025 –recentemente posto no mercado– e o outro, OQ Mansa e Brava 2025, elaborado con variedades autóctonas galegas, que vai gañando prestixio no mercado nos últimos anos.

Na súa categoría este produtor foi o único de Galicia premiado, un grande mérito tendo en conta que competía con produtores doutras rexións españolas (Andalucía, Estremadura, Madrid, etc); e doutros países (Grecia, Turquía, Brasil, Arxentina ou Emiratos Árabes Unidos).
PROPIEDADES DO ACEITE DE QUIROGA
Un recente estudo da Universidade de Vigo incidía nos efectos beneficiosos do consumo habitual de aceite virxe extra de Quiroga, de variedades autóctonas, sobre persoas diabéticas, especialmente aquelas con peores síntomas. Segundo os especialistas responsables do mesmo, estes beneficios dábanse polo alto contido de polifenoles do aceite de Quiroga, que é excepcionalmente maior que o da maioría de aceites doutras latitudes.
VIÑOS QUIROGUESES PREMIADOS
En canto a viños brancos, a adega quiroguesa Edv 2015 S.L. obtivo o Diploma Gran Ouro para o seu viño As Covas 2019 e o Diploma de Prata para o Don Cosme 2024. A xa citada Ouro de Quiroga S.L. obtivo tamén un Diploma de Ouro para o seu Godello Lareira de Ricobao 2024, o que demostra o seu bo facer tamén no apartado vinícola.
Os premios recibidos acreditan o crecente recoñecemento no mercado dos produtos agrícolas da Ribeira Sacra, e concretamente do Val de Quiroga. “Produtos cada vez máis solicitados por restaurantes de alta cociña e tendas Gourmet de todo o país“, comentan dende Ouro de Quiroga, S.L. ao tempo que poñen en valor o microclima singular e a diversidade de chans fértiles do territorio que permiten obter estes viños e aceites excepcionais de alta calidade.

