A vila de Quiroga celebra este sábado o Qui-Roma, evento que chega á súa décima edición tras a suspensión do pasado ano por mor dos lumes que queimaron gran parte do seu territorio. Así, pois, este ano recupérase a ilusión por celebrar este encontro de romanos e castrexos, co obxectivo de volver a encher as rúas de ambiente festivo.
Os escenarios principais onde se desenvolverán as actividades programadas para este ano son a praza do Auditorio Municipal e a rúa Real. Durante a xornada, que empezará ás 9:30 e se alongará ata altas horas da madrugada, haberá moitas e variadas actividades para todos os públicos: mercado, inchables, alborada castrexa, exposición dos coñecidos bois de Mario Nogueira, obradoiros, tambukada, espectáculos circense e de lume, actuación e desfile da garda romana, o gran desfile Qui-Romano “ARDE LOUCOS”, recreación de loita de gladiadores castrexos contra romanos, cea popular, actuación musical e fin de festa con DJ.
PROGRAMA AO DETALLE
Ás 9:30 horas haberá unha ruta de cabalos e ás once abrirase o tradicional mercado qui-romano ao longo da rúa Real e haberá un obradoiro de coiro para nenas e nenos. Neste intre dará comezo tamén unha animada alborada a cargo do grupo local castrexo de gaitas “O Recanto”.
Ás doce do mediodía un desfile da garda romana Lucus Equites encherá de ambiente a rúa Real para rematar despois cunha actuación ás 12.45 na praza do Auditorio. A partir da unha do mediodía dará comezo a sesión vermú qui-romano co intérprete musical Jorge Ferre.
Pola tarde poderanse ver de preto os coñecidos e vistosos bois do criador quirogués Mario Nogueira. E para a cativada, inchables para todos os nenos e nenas. A partir das seis e media poderase gozar do ambiente musical que chegará co grupo de percusión TAMBUKADA e ás sete da tarde outra actividade pensada para público familiar: espectáculo “CIRKOTE” de Kote Malabar (circo, clow e teatro cómico).

O remate á sesión de tarde poñerao o desfile Qui-Romano “Arde Loucos” e nel participarán os bois de Mario Nogueira, a Garda Romana Lucus Equites, a batukada Tambukada e todas as persoas que o desexen. Comezará na Casa da Cultura e rematará na praza do Auditorio.
A sesión de noite terá como actividade principal a demostración de Loita de Gladiadores Castrexos contra Romanos. A partir das 21:00 horas no anfiteatro do Auditorio. Despois música da Tambukada é ás 22:00 h espectáculo de lume de Hípica Celta.

Ás nove e media terá lugar a cea, coñecida como “cenonium”, na que haberá paella, sobremesa, bebidas e café e ás 23:00 h concerto co grupo “La buena vida banda”. Pasada a media noite fin de festa coa actuación da Disco-Móbil EMEMUSIC e a seguir DJ SAMUCAPI.
Desde o Concello de Quiroga, organizador desta festa, destacan “a importancia de recuperar esta celebración e animan a veciñanza a participar e desfrutar desta nova edición dunha festa que busca recuperar a ledicia, a convivencia e o espiritu festivo de Quiroga”. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación Qui-Roma, do Agadic da Xunta de Galicia, así como da Área de Cultura e do Centrad da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.


