Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo e especializada en educación e innovación. Otero ten unha experiencia de máis de quince anos como profesional da comunicación en medios e gabinetes de prensa, destacando o seu papel no Faro de Vigo, onde foi responsábel do suplemento educativo Faro da Educación. Como todas e todos os formadores, recibiu formación específica neste tema para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa.
OBRADOIROS CONTRA A DESINFORMACIÓN MEDIÁTICA
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.

