Nunha fin de semana especialmente soleada, a Praia Fluvial de San Clodio acolleu un ano máis a súa festa de exaltación de tres produtos autóctonos: a cereixa, o aceite e o viño. Ademais, co mérito de alcanzar nesta ocasión a edición número XX.
Na xornada dominical estiveron, pola mañá, presentes diferentes autoridades. Entre elas destacaban, ademais dos anfitrións Miguel Ángel Sotuela e Roberto Castro –Alcalde e Tenente de Alcalde de Ribas de Sil–, alcaldes e concelleiros/as de concellos da contorna, deputados autonómicos, o novo Director de AGACAL, Martín Alemparte, e o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
No que respecta a este último, José Tomé subliñou o compromiso firme da Deputación con esta festa, especialmente nesta edición, na que “incrementamos a nosa aportación económica ao Concello, que agora ascende a 11.000 euros a través do Plan Deputación, co fin de potenciar a promoción destes tres produtos insignia desta zona”. Asimesmo puxo en valor que o evento alcanzara os 20 anos de historia, pois conseguiron comentou, “non só consolidar unha festa que hoxe atrae a milleiros de persoas para desfrutar do patrimonio de Ribas de Sil e do conxunto da Ribeira Sacra, senón tamén proxectar a identidade e calidade destes produtos”.

PRESENTACIÓN NOVO LOGO DO XEOPARQUE E PREGÓN
Ás 13:00 h. era o momento anunciado para dar a coñecer o novo logotipo que representará a partir de agora ao Xeoparque Montañas do Courel. Tras un concurso convocado semanas atrás, sabíase xa o resultado da selección e aproveitouse este momento para facelo público. Roberto Castro, presidente da asociación, comentaba previamente que foron 48 as propostas recibidas e que delas fóronse facendo varias cribas ata chegar á elección final do deseño gañador que saíu da reunión dos representantes dos tres concellos que forman parte do Xeoparque –Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel–. O distintivo gráfico gañador resultou ser un traballo do vigués Guillermo Díaz.
A continuación, desvelouse o novo logotipo e amosouse ao público asistente, comentando o propio deseñador catro detalles da obra que representará a partir de agora ao Xeoparque. Destaca á súa esquerda unha representación dos pregamentos característicos dalgunhas montañas do territorio e o nome cunha tipografía clara e moi visual. En palabras do autor: “É unha representación simplificada, quixen adaptar a idea ao que se busca cun logo, ser sinxelo para que se poida representar en moitos tipos de formatos”.

A continuación tivo lugar o pregón de José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Un pregón moi acaído, tirando de morriña xuvenil ao inicio contando “como se xuntaba con outros rapaces para nas noites de primavera ir á prea, coller cereixas dalgún veciño que as amparaba como se fose un tesouro”. Explicou tamén que “estamos nun dos berces da evolución xeolóxica e mesmo da historia. Se a isto lle engadimos un clima de clara transición mediterránea ou continental…” para concluír que estas condicións fan posible que se dean tan ben os tres produtos que se exaltan na Festa. Pero non só falou das bondades agroalimentarias senon que tamén exaltou o patrimonio que atesoura este territorio. Referiuse aos recursos naturais, xeolóxicos, gastronómicos, turísticos, culturais… cos que conta Ribas de Sil e tamén representou a este val como unha das portas de acceso á Ribeira Sacra. En relación a esta última, lembrou o proceso para que este territorio sexa Patrimonio da Humanidade e reivindicou que a declaración “debería contar con maior participación do tecido social”.


UN AMPLO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DURANTE A FIN DE SEMANA
Durante esta fin de semana, a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil ofreceu un amplo programa de actos lúdico e festivos, con degustacións de cereixas e produtos típicos da comarca, exposición de pintura e actuacións musicais. Ademais, as persoas que se achegaron estes días á localidade puideron visitar os dous museos do Xeoparque (CIMAR e CIRS), e ver a alfombra floral do Corpus Christi no atrio da igrexa.
