HomeComarca de SarriaA visita de Fidel Castro que puxo Láncara nos mapas

A visita de Fidel Castro que puxo Láncara nos mapas

O concello lucense vén de acaparar titulares pola decisión do seu alcalde de enviar un 'chuletón' a Alberto Garzón. Porén, a fama deste municipio comezou moito atrás, coa visita de Fidel Castro de 1992.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Láncara é un concello que se fai notar. Apenas 2500 persoas viven neste municipio da Comarca de Sarria; que, porén, vén de acaparar titulares en medios estatais nos últimos días tras un curioso xesto do seu alcalde. Darío Piñeiro (PSdeG) decidiu responder ás declaracións de Alberto Garzón recomendando un menor consumo de carne enviándolle un chuletón; todo baixo a premisa de que neste punto do sur de Lugo se produce carne “de calidade e en extensivo”.

Con todo, a visibilidade deste concello que non se deixa caer no descoñecemento vén de atrás. Para moitas persoas, Láncara comezou a aparecer nos mapas despois dunha tarde de 1992 na que recibiu un visitante pouco habitual: Fidel Castro. O representante cubano acudiu á localidade lucense invitado por Manuel Fraga, con quen mantiña unha sobradamente coñecida boa relación que propiciou imaxes tan clásicas como a partida de dominó entre líderes e os paseos de ambos polas rúas da localidade.

Foi nesa visita en que o consistorio de Láncara nomeou a Fidel fillo adoptivo da localidade. O recoñecemento, malia poder parecer atípico ou arbitrario, tiña razón de ser: Láncara era a localidade natal do pai de Castro, que chegou a visitar a pequena casa na que este nacera e mesmo viu unhas curmáns que habitaban na zona.

Case 25 anos despois da cita inesquecible, os responsables locais de Láncara quixeron repetir a cita que os puxo no mapa nomeando fillo adoptivo a outro Castro. Esta vez foi Raul. A moción saíu adiante co beneplácito do actual rexedor, Darío Piñeiro, e o apoio de BNG e Compromiso por Galicia. Tamén se sumou o PP, que deu o “visto bo” a unha iniciativa motivada, máis que nada, polo compoñente turístico dunha cita que volvía poñer sobre o mapa a este concello que, no último século, perdeu dous terzos da súa poboación.

A casualidade quere que tanto Láncara como Cuba volvan estar de actualidade en días parellos. Fronte á fama renovada do concello lucense polo envío do chuletón, Cuba vive nestes días unha vaga de protestas por parte de poboación crítica co réxime que, de acordo coa prensa española, garda relación cun dobre desabastecemento: o das vacinas –producidas na propia illa– e o dos alimentos.  

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...