IniciosociedadeCantos e contos no Incio esta fin de semana

Cantos e contos no Incio esta fin de semana

O sábado terá lugar a III edición dos Cantos de Taberna e o domingo haberá unha interesante actividade de conta contos sobre “A Galicia máxica de Antón Fraguas”.

Publicado o

- Advertisement -

Mañá, a partir das 17:30 h., bares e cantinas do Concello do Incio acollerán unha xornada festiva dedicada aos cantos tradicionais. As formacións que participan, 8 grupos, percorrerán establecementos da capitalidade, A Cruz do Incio , pero tamén doutras parroquias como Eirexalba, Val do Mao, Val do Incio e Lebón.

O certame lévase a cabo grazas á Asociación Cultural As Xeitosas, entidade que impulsa esta actividade e outras que se realizan no Incio durante o ano. Falamos con Maribel, a presidenta.

Cando naceu esta asociación tan activa e dende cando es a presidenta?

Pois hai 12 anos que existimos e eu levo 4 como presidenta.

Os Cantos de Taberna naceron grazas a vós pero organizades máis cousas. Cóntanos.

Cos cantos levamos agora 3 anos pero tamén participamos na organización dos Reis, no Entroido e tamén facendo posible que se fagan nas parroquias actividades culturais, de lecer e incluso algunhas encamiñadas á actividade física como o ioga.

Custa moito organizar os Cantos de Taberna?

Aínda dá traballo. E este ano máis porque tivemos que cambiar o planing cando tiñamos todo xa pechado.

E logo que pasou?

Apuntáronse 3 grupos máis a última hora e houbo que revisar o percorrido cos grupos de novo.

Cantos grupos tedes este ano e quen son?

Oito. Tiñamos apuntados 5 e sen esperalo pediron participar 3 máis. Evidentemente dixémoslle que si. Este ano teremos no Incio Os Corenta e Chinco, Os Somontanos, Os do 13, De Marcón para Arriba, Gaiteiros da Serra, Son do Mao, A Unión e Os Estoupafoles.

E os bares e cantinas participantes?

Pois na Cruz do Incio temos o Paradís Rural e o Togu, en Eiraxalba a Hermida Rural, no Val do Mao a Cantina Campo e o Benigno, en Lebón a Cantina Míllara e no Val do Incio A Palleira.

Resulta doado conseguir que veñan grupos?

Os que viñeron ata agora veñen e marchan contentos. Para apoiar e animar ofrecémoslles 5 consumicións de balde a cada compoñente e tamén lles damos unha cantidade de cartos significativa a cada formación.

E como se desenvolverá todo?

Empezamos ás 17:30 h. e a idea é que case todos os grupos pasen por todos os bares e cantinas. Os desprazamentos teñen que ser en coche pois temos dos 2 locais na capitalidade pero o resto están na contorna, non moi lonxe pero non están para ir andando. Ao rematar farase unha xuntanza de todos os grupos e a xente que queira achegarse, no mercado gandeiro. Alí haberá pinchos de balde para todas e todos.

E chegados a este punto quen sabe o que se pode alongar a cousa…

Pois imaxínate, algún ano ata as 6 da mañá (risas).

Ademais da Asociación Cultural As Xeitosas, colaboran neste evento o Concello do Incio. a Deputación de Lugo e a Asociación Terra Brava.

conta contos ao redor

da figura de antón fraguas

Xa o domingo, 19 de maio, o Salón Multiusos do Concello do Incio acolle ás 18:00 h. unha sesión de contos da man de Brais Moure, un narrador mozo de gran proxección que presentará o espectáculo “A Galicia máxica de Antón Fraguas”.

Brais, co seu personaxe de O mouro Moure, levará ás nenas e aos nenos a unha viaxe fantástica a través do bosque que viaxa dentro da súa maleta.

Trátase de cinco historias de mouras, mouros e xacias vinculadas ao amplo universo máxico que o homenaxeado nas Letras Galegas 2019, Antón Fraguas, recuperou nos seus traballos e que hoxe abondan nos contos e historias tradicionais.

Brais Moure / Montaxe Hermanager Producións

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...