Sarria volve ao ‘Campo da Feira’

Esta fin de semana celebrábase a XXXII Mostra Agro Gandeira San Isidro Labrador cunha completa programación e un moi vistoso desfile de gando polo Camiño de Santiago.

Claudio Garrido, alcalde de Sarria, xunto aos bois de Mario Nogueira. Foto: Concello de Sarria.

O sábado 28 houbo unha interesante exposición de maquinaria agrícola e unha vistosa mostra gandeira no recinto feiral. Na contorna habilitouse unha carpa na que se puxeron á venda produtos agroalimentarios e artesanía, e tamén se organizou unha exposición de bonsais a cargo da Asociación local El Serbal. Como complemento ao anterior tamén tivo lugar, pola mañá, unha demostración de cerámica a cargo de Manuel Fernández, “Lolo”.

Na nave do mercado gandeiro chamou moito a atención unha mostra de novillas frisonas e de cabalos de pura raza galega. Ás 12:00 h. fíxose unha poxa de gando frisón de 20 novillas e pola tarde, ás 17:00 h. unha exhibición de exercicios de doma de alta escola con cabalos de pura raza galega.

Fotos: Concello de Sarria

Este domingo, 29 de maio, poñíase fin a esta celebración de recuperación e posta en valor do agro e a gandería. A xornada comezaba coa “Feira do ano”, para venda e compra de gando, e continuaba cun vistoso desfile de gando polo Camiño de Santiago, dende a rúa Maior ata o Campo da Feira. Neste desfile estiveron presentes, entre outros, os bois de Mario Nogueira e Cristina Gómez, coñecidos criadores e amansadores con explotación gandeira en Chao da Casa, Quiroga.

Mario Nogueira guiando os seus bois. Foto: Concello de Sarria.
Outro participante no desfile. Foto: Concello de Sarria.

Outra actividade deste domingo foi a exhibición de cetrería con ‘Falcóns de Galicia’, que tivo dous pases, un ás 13:00 h e outro ás 18:30 h.

Como remate á XXXII Mostra Agro Gandeira San Isidro Labrador de Sarria, ás 18:00 h. tivo lugar o sorteo da xuvenca  de raza rubia galega “Isidra” preñada de 8 meses. O número agraciado no sorteo foi o número 0678.

O gañador ou gañadora ten que poñerse en contacto co Concello de Sarria. En caso de non aparecer volverase realizar o sorteo o vindeiro día 20 de xuño ás 12:00 h. da mañá.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here