HomesociedadeDezaseis meses de cárcere para un veciño de Sarria que atacou a...

Dezaseis meses de cárcere para un veciño de Sarria que atacou a outro home e a un axente cun obxecto punzante

As partes acordan a suspensión da pena de prisión do acusado a condición de que non volva delinquir nun prazo de dous anos.

Publicado o

- Advertisement -

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo condenou este xoves a 16 meses de prisión a un mozo acusado de agredir cunha cachava finalizada en punta metálica a outro mozo e a un axente da Garda Civil na localidade de Sarria. Os feitos xulgados tiveron lugar, de acordo ao recolleito no escrito fiscal, en abril de 2020, cando o acusado rompeu a golpes a lúa dianteira do coche doutro veciño do municipio, que respondeu crebando cun bate de béisbol “todas as lúas de cristal” do automóbil do primeiro.

Ao decatarse do sucedido, o principal acusado (xa que o outro home tamén foi imputado por un delito de danos e condenado ao pago dunha multa de 900 euros) abalanzouse sobre este cunha cachava propinándolle unha serie de golpes e ferindo tamén co citado obxecto a un axente da Garda Civil que mediaba na disputa. Ambos tiveron que recibir asistencia médica.

O Ministerio Fiscal solicitaba inicialmente para o principal acusado unha pena de prisión acumulada de catro anos e medio (dous por un delito de atentado a un axente da autoridade e dous anos e medio por un delito de lesións) pero o acordo de conformidade alcanzado entre as partes reduciu a responsabilidade penal a 16 meses de cárcere.

Tamén deberá facer fronte o mozo ao pago dunha multa de 1.125 euros en concepto de responsabilidade civil, unha cifra á que haberá que sumar os gastos sanitarios do Sergas deducidos da atención prestada aos feridos. Tanto o axente como o home agredido renunciaron á indemnización polas lesións sufridas e a defensa solicitou a suspensión da pena de cárcere, á que non se opuxo a Fiscalía a condición de que o acusado non volva delinquir nun prazo de dous anos.

ÚLTIMAS

Monforte reabre o Parque da Compañía

As actuacións executadas consistiron na substitución do firme do percorrido peonil e do carril...

“Debemos parar a guerra en Oriente Medio e Non esquezades Gaza”, reclama a concentración de Monforte

A concentración en Monforte tivo lugar na Praza de España, ás 12.00 horas. Os...

O BNG de Pantón denuncia que o Centro de Saúde non contará co terceiro médico

Lembran desde o BNG de Pantón que levan tempo denunciando a falta de médicos...

O PP de Monforte urxe a mellora inmediata da conexión da N-120 co Polígono do Reboredo

A voceira popular, Katy Varela, denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente...