HomeComarca de SarriaSarriaXa está aquí o San Xoán de Sarria

Xa está aquí o San Xoán de Sarria

Este ano alongará a súa actividade festiva do 23 ao 27 de xuño e terá como pregoeiro ao coñecido astrofísico e divulgador sarriao Borja Tosar. O programa musical destaca este ano, entre outras propostas, por contar con orquestras como Los Satélites e a París de Noia, e a banda The Rapants como cabeza de cartel do Festival Vibraxoán. Damos a coñecer ao detalle todas as actividades programadas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Do 23 ao 27 de xuño, a vila de Sarria volverá encherse de música, tradición, lume, cultura e festa para celebrar as súas tradicionais Festas de San Xoán. Como cada ano, o concello volve presentar un amplo e atractivo programa, adaptado para todas as idades e que fará gozar á veciñanza e aos visitantes.

Días atrás xa se deu a coñecer o cartel anunciador, unha obra gráfica deseñada local por Ana Miranda que non só reflicte a ilusión e a maxia que representan estas festas cos clásicos foguetes, senón que tamén amosa a complicidade co pregoeiro, Borja Tosar, ilustrando o famoso eclipse de agosto do que tanto se fala.

No programa non poden faltar o espectáculo da gran fogueira, o espectáculo dos Correfoc dos Dimonis de la Plana e as populares verbenas. Pero tamén haberá espectáculos infantís e animación de rúa, bandas de música, agrupacións tradicionais e colectivos culturais da vila, torneo de fútbol sala e o festival “VibraXoán”. En definitiva, e como refiren dende o concello: “unha programación que combina tradición e modernidade para facer de Sarria un gran punto de encontro durante toda a semana festiva”.

PROGRAMACIÓN 2026

O martes 23 de xuño, véspera de San Xoán, comezan as festas ás 20:00 h co Desfile na Rúa Maior das Pampónigas e os Dimonis de La Plana. Pouco despois, ás 20:30 será o pregón dende o corredor da Casa do Concello a cargo do coñecido astrofísico sarriao, Borja Tosar. Como en anos anteriores, a súa alocución será comunicada ao público en linguaxe de signos.

Coa tirada do ‘Foguetón’ posterior dánse por comezadas as festas e actuarán acto seguido na Praza da Constitución a Coral Polifónica do Concello de Sarria, a Banda de Música de Sarria, e as asociacións culturais Meigas e Trasgos e Peleriños.

Despois, ás 21:30 h farase a clásica Pancetada Popular e ás 22:30 actuará o grupo Eoas. Chegada a noite, terá lugar ás 23h a 54ª Queimada Popular e ás 00.00 h o “Acendido da Fogueira de San Xoán”. Este esperado intre acaparará o interese de todo o mundo no Campo da Feira onde estarán os Dimonis de La Plana co seu espectáculo de música, danza e lume coñecido como ‘Correfoc’.

Como fin de festa, dende as 00:30 h, o Campo de Rugby acollerá a verbena amenizada pola orquestra Costa Dorada.

Espectáculo correfoc ‘Demonis’. Foto: César No.
MÉRCORES 24 E XOVES 25

O mércores 24 comezará coa alborada da Banda de Música de Sarria e a recepción de autoridades na Casa do Concello ás 11:30h. Despois, Misa Maior na igrexa de San Salvador cantada pola Coral Polifónica do Concello de Sarria.

Pola tarde, ás 18:30 h pasarrúas con Peleiriños e Tambukda; e ás 19:30 h concerto na Praza da Vila coa Banda de Música de Sarria. O remate da xornada, dende as 21:30 h con festa e verbena a cargo das orquestras Los Satélites e París de Noia no Campo de Rugby.

A xornada do xoves 25 comezará pola tarde, concretamente ás 18:00 h, cun pasarrúas protagonizado polas Pampónigas e a Asociación Cultural Peleiriños. A esa hora, chega tamén a ‘Tarde Infantil’ con actividades centradas nos máis pequenos como globoflexia, pintacaras, manualidades, bailes, e maxia. Será na Praza da Vila e correrá a organización a cargo de Trémola Teatro. E por se iso fose pouco para a rapazada, ás 19:45 h chega o popular mago Roberto Lolo coa súa ‘Hora Máxica’ para poñer o ramo a unha tarde de moito lecer e entretemento.

Xa pola noite, a partir das 21:30 h. festa e verbena co Grupo Ráfaga e a orquestra New York no Campo de Rugby.

Roberto Lolo, mago sarriao. Foto: R.L.
VENRES 26 E DOMINGO 27

O venres 26 comeza cun pasarrúas da Charanga de Paradela e Meigas e Trasgos ás 18:30 h. para despois gozar das mellores seleccións musicais da Discomóbil “A Duendeneta” no Malecón ás 19:30 h. O ramo á xornada, con festa e verbena das orquestras Trébol e Charleston Big Bang no Campo de Rugby, será a partires das 21:30 h.

O sábado 27, a Banda da Comarca de Sarria terá participación dobre. Ademais de estar no pasarrúas que abre a xornada, con Meigas e Trasgos, tamén ofrecerá un concerto ás 20h na Praza da vila. Mais o gran atractivo deste día será o festival ‘Vibraxoán’, que se desenvolverá no Campo do Río dende as 22:00 h da noite ata entrada a madrugada. Este ano contará cun cartel encabezado por The Rapants, unha das formacións galegas con maior proxección do panorama actual, e contará tamén con Mrs. Fine, unha bana emerxente que chega dende Valdeorras e que está causando sensación na escena musical cun repertorio no que fusiona indie, rock e pop. Pechando o cartel e o festival estará Duendeneta Dilleis, unha proposta de Carlos Crespo e Kris K Dj. Este evento, encaixado dentro do programa de festas, conta coa colaboración económica de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Dende o concello lembran tamén que o domingo 28, día dedicado aos nenos e nenas, haberá descontos especiais para eles nas atraccións.

TORNEO DE FÚTBOL E DÍAS SEN RUÍDO NAS ATRACCIÓNS

Os días 26, 27, e 28 celebrarase no Pavillón Municipal José Mario González da zona recreativa do Chanto, o XXXVI Torneo Fútbol Sala San Xoán. A final será o domingo 28 ás 19:30 h.

Como en anos anteriores, María Eugenia Valcárcel, concelleira de Educación e Festas, lembra que nas festas “todos os días haberá dúas horas sen ruído, de 18:30 a 20:30, na zona das atraccións para facilitar que os nenos, nenas e maiores con hipersensibilidade acústica poidan gozar do San Xoán”.

Cartel do San Xoán de Sarria 2026. Autora: Ana Miranda.

ÚLTIMAS

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...

Magosto-pancetada e teatro para a fin de semana en Pantón

Despois de celebrar con grande éxito o Samaín a pasada semana, o vindeiro sábado,...