InicioCulturaVelaísca: Un proxecto educativo para converter os cativos en cidadáns activos

Velaísca: Un proxecto educativo para converter os cativos en cidadáns activos

Velaísca Animación está detrás dos campamentos infantís de concellos como Chantada e Carballedo e ten colaborado en actividades educativas con organismos como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

A fin de semana dos días 4, 5 e 6 de xullo terá lugar o Festival do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. O programa deste evento oferta unha gran variedade de actividades para todos os públicos, tamén para os máis pequenos. Os rapaces terán a oportunidade de desfrutar de obradoiros gratuitos como Descórchate (sábado de 18:00 a 19:00) e Os sentidos da Ribeira Sacra (domingo de 13:00 a 14:00), entre outros. Ambos están organizados por Velaísca Animación, un proxecto liderado pola chantadina Antía Vázquez Figueiras. Falamos con ela para coñecer máis sobre outras actividades infantís que está desenvolver no sur de Lugo, coma os campamentos infantís de verán do Concello de Chantada.

En que consisten os campamentos infantís de Chantada?

Os campamentos do Concello de Chantada desenvolveranse en dúas quendas, unha na primeira quincena de xullo e outra na segunda. De luns a venres, os rapaces desfrutarán de diversas actividades entre as 10:00 e as 14:00 e de luns a venres nas instalacións do CEIP Eloísa Rivadulla. Ambas quendas rematarán cunha acampada en Ponte Mourulle e o día 20 celebraremos unha gran festa nas Piscinas Municipais para todos os asistentes. A primeira rolda xa deu comezo o pasado luns día 1 e temos uns 115 rapaces inscritos e para a segunda quedan moi poucas prazas dispoñibles. Os interesados en anotarse poden facelo na Casa da Cultura.

Cres que a relación dos cativos co seu hábitat é suficiente?

Creo que os nenos non coñecen suficientemente ben o lugar onde viven. Por iso, Velaísca naceu como un proxecto para que coñecesen Chantada, as súas parroquias, a fauna, a flora… Para nós é prioritario transmitirlles a través de actividades a cultura material e inmaterial da contorna. Non entendo como poden coñecer o Everest pero non o Faro. Eu creo que todo suma, pero é preciso que os rapaces coñezan tamén o seu entorno próximo para que se poidan relacionar con el.

Cal foi o proceso de creación de Velaísca?

Para min o da animación infantil non é vocacional, porque a miña formación é de politóloga. Foi durante un máster cando entrei en contacto con este mundo. Durante as prácticas estiven a traballar na Xunta de Galicia preparando un Plan Xeral de Infancia, polo que tiven que adentrarme no mundo da participación infantil, é dicir, en como os nenos poden achegar cousas á sociedade. Empecei a investigar diferentes proxectos que se fan no mundo como asembleas de nenos ou cidades de infancia, e foi algo que me fascinou. Comprobei a importancia de que os máis pequenos sexan cidadáns activos e como se pode construír unha sociedade ou, neste caso, unha vila mellor, se se teñen en conta as súas opinións. Sobre isto, había moitas cousas que se podían facer a nivel Galicia e, despois de deseñar diversos proxectos, deime conta de que este tema podería ter saída a nivel empresa. Así, pouco a pouco, fun vendo outra cara dos nenos e grazas a iniciativas en colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e diversos centros de ensino Velaísca foise consolidando.

Contigo traballan mozos de Chantada e Carballedo con formación moi diversa. Que che achega a ti traballar con eles e por que cres que merecen unha oportunidade?

Para min iso é o mellor deste proxecto. Así é como funciona un equipo: con xente complementaria. En Velaísca hai mozos que estudan Ciencias da actividade física e o deporte, educación primaria e educación infantilis, entre outras cousas; e cada un achega o seu gran de area. Iso tamén nos permite desenvolver actividades de moitas modalidades e temáticas, e os nenos valórano moitísimo. Ademais, é obvio que os mozos merecen unha oportunidade. Neste proxecto, máis alá dos títulos, valóranse dúas cousas: as túas ganas e a túa paixón por divertirte cos nenos. Os cativos decátanse moi rápido de cando unha persoa o está a pasar ben con eles.

Velaísca xorde nun momento no que non tiñas traballo e, vendo unha posible oportunidade de emprendemento, iniciaches o teu propio proxecto. Que lle dirías ás persoas mozas que estén pensando en crear a súa propia empresa?

Para min, o aspecto máis importante a ter en conta é o risco económico que vaias correr, é duro dicilo pero é así. Tes que estudar moi ben a viabilidade do proxecto antes de poñelo en marcha. Tamén é moi importante ter ganas e que a túa proposta te ilusione, porque lle vas adicar moitas horas e traballo e tes que estar disposta a tirar cara a adiante pase o que pase. Dende fóra este camiño pode parecer moi bonito pero por momentos pódeste sentir moi soa. Con todo, é moi gratificante cando a xente te apoia e ves que o proxecto non só sae adiante, senón que ademais che permite sosterte economicamente.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...