HomeCultura"Na soidade da aldea parece que todos os meses son novembro", Sonia...

“Na soidade da aldea parece que todos os meses son novembro”, Sonia Arias, escritora

A Irmandade Cultural País do Faro colabora na presentación do libro "Manchas de frío", da escritora de Paradela, Sonia Arias López. O acto tivo lugar este xoves, 28 de novembro, no Círculo Recreativo Cultural de Chantada a partir das 20,30 horas.

Publicado o

- Advertisement -

Acompañaron á autora, os tamén poetas Ramón Rodríguez Porto e José Carlos Ulloa. Falamos con Sonia Arias.

Que destacarías do teu último traballo, Manchas de frío?

O tema principal segundo di o libro é a frialdade, a frialdade da sociedade en xeneral. Fago a comparación sempre cun gato por todo o libro. Para min os gatos son fríos, aínda que parezan cálidos, é un animal que todo o mundo quere. É como a sociedade, todos somos moi bos, pero se afondas hai frialdade a nivel laboral, na amistade,…

Toco o maltrato, a sociedade, o amor,… É un libro baseado na infancia, intento ir atrás para ver a calidez que pode ter un neno, vou á miña aldea, a Vidul, en Paradela. Vou moi atrás e volvo adiante para que se vexa a diferenza daquela infancia e aquela calidez e o que se está vivindo hoxe en día. E o pouco creativos que son hoxe os nenos porque teñen que seguir un sistema bastante duro. A frialdade tamén dos lugares, espazos e sistemas nos que se están educando os nosos fillos.

Parques de Atracciones e Campos de batalla foron os teus primeiros poemarios. En Manchas de frío, temos diferentes historias, xa non son só poemas?

Si son diferentes historias. Eu escribía poesía e aquí meto máis narrativa. Teño moitas frases curtas, de pensar. Teños versos onde o lector pode descansar da narración e das emocións que puido sentir. Frases de descanso, para que a xente pense no detalle que doutro modo igual non pensa, nese cambio do que falaba antes.

De onde che vén a inquedanza de transmitir as cousas escribindo?

A vida mesma, son supertímida e sempre me custou moito expresar o que sentía. Para mín escribir é desafogar, é como un amigo. Desde nena escribía e ninguén sabía que o facía. Co tempo vas madurando, e morre meu pai, foi cando o meu mundo fixo un estalido e foi cando comezou a saír todo.  No fondo pensaba, se xa morreu meu pai que máis me da o que pensen de min… e comecei a escribir sen cortarme nada, a soltar o que tiña dentro desde hai anos.

A morte do meu pai no 2011, foi fundamental á hora de facer público todo. Agora estou contenta compaxinando o meu traballo nunha tenda con escribir que é como un vicio para min.

Como foi a publicación deses primeiros libros?

Parque de atracciones foi autopublicado. Por redes sociais contactoume a editorial Angels Fortune. Inteersoulles o que lles mandei, pareceulles diferente, orixinal; e os seguintes xa os publiquei con eles. Porque poesía hai moita, pero que enganche ao lector que está cansado de ler sempre o mesmo non hai moita e aquí encantaoulles a miña proposta. Estou feliz e agradecida de poder traballar con eles, apostaron por min desde sempre e espero seguir con eles para as próximas publicacións.

Como é o contacto coa xente nas presentacións como a de hoxe?

Iso é do mellor que me puido traer e a poesía e escribir, a xente que vou coñecendo, como se portan comigo, ábrenme as portas en todos os sitios. Encantada hoxe no Círculo de Chantada da man da Irmandade do País do Faro, abríronme as portas cun cariño termendo. Alá onde vou o mellor son os lectores.

É complicado vender poesía, está como apartado, nun segundo plano. Tira máis a novela. Pero este público é moi fiel, será pouco pero moi fiel. Xente que comeza a ler poesía cos temas que eu trato. É enriquecedor o cariño que vexo.

Escribes en castelán, para cando o galego?

Estou traballando en galego, espero poder sacar algo o ano que vén. Estoume esmerando o triple porque adoro a nosa lingua. O que estou preparando está moi relacioando coa soidade que teñen as aldeas hoxe en día. Eu vivín nunha aldea toda a vida. En Vidul, Paradela. Sempre digo que son do monte, orgullosa de selo. Na soidade da aldea parece que todos os meses son novembro. A aldea é básica na miña vida, todo o que me aportou porque é onde pasei a infancia.

Os libros dentro de pouco serán reliquias?

Eu quero ter o libro diante cando leo. Para min non hai mellor cousa que ir á libraría, comprar un libro ou que mo asine o autor. Todo o tecnolóxico, evidentemente é frío. Non ten nada que ver coa calidez humana. Pero por moi descontenta que estea co tema da tecnoloxía e o universo online, é o que hai.

Que solución lle damos a esa frialdade que protagoniza Manchas de frío e a nosa sociedade?

O primeiro que temos que ser é persoas. Ás veces vemos un can e vémolo más amigo, máis tenro, máis calido, máis compañeiro. As amistades teñen que ser sinceras, que non haxa tanto egoísmo. Ser máis honestos e amigos de verdade. Hoxe amor chámaselle a calquera cousa. Da política xa nin falamos porque para qué? Dame medo o meu fillo de 5 anos, xa non penso en min, penso no futuro que lle espera a el.

Non se mira o compañeirismo de que imos todos xuntos, pénsase en ascender un e nada máis. Eu vexo un mundo que se está destruindo e que imos para atrás, pero non nas cousas boas. Hai que ir cara adiante desbotando as cousas malas.

A desnaturalización do ser humano ten que ver co abandono do rural?

Eu cando había esta tormenta que te quedabas sen tele, eu era feliz, poñías unha vela. Menos é máis. Agora temos 3 teles… era mellor pasar frío e non ter teles e estar todos xuntos. Isto de picar da fonte do medio da mesa é un clásico. Non fai falta tanto para ser feliz, na aldea isto soubémolo valorar moi ben, pero agora xa tampouco e así. Todo se corrompe. Estes detalles son os que recollo no libro, aquí estou eu para lembrar que hai que picar da fonte do medio da mesa. Antes os nenos eran más doces e inocentes. Hoxe os nenos non teñen opción a crear porque están moi metidos no sistema. A educación é unha espiña que teño aí e parece que non podes facer nada.

ÚLTIMAS

Esperta Monforte reclama facer un estudo das rutas de sendeirismo do municipio e acondicionalas

Segundo Esperta Monforte a práctica totalidade dos concellos que forman parte da Ribeira Sacra...

A XXI Feira Medieval de Monforte celébrase baixo a chuvia

O Alcalde estivo acompañado no acto inaugural pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

Unha APP de balde conectará a oferta e a demanda de emprego na provincia

A Deputación de Lugo vén de anunciar o lanzamento dunha APP móbil gratuíta, DeputaciónLugo...

Pantón homenaxea á súa bibliotecaria Milagros Pardo

Milagritos, a bibliotecaria Milagros Pardo, recibirá unha homenaxe o vindeiro 24 de maio en...