O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso celebrarase este ano, por primeira vez, tamén, na provincia de Lugo, grazas á colaboración da Deputación e a Xunta de Galicia. Os dous concertos que se celebrarán na provincia de Lugo terán lugar no Saviñao e en Monforte de Lemos, onde se vén de presentar a actividade.
O 7 de marzo escoitarase a arpa de Andrew Lawrence-King nunha das xoias do románico da Ribeira Sacra, a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño. O venres, 13 de marzo, o trío Kosmos Ensamble tocará na igrexa de Santa María da Régoa, en Monforte.
A Escolanía de Segovia actuará o día 6 de marzo no Templo da Vera Cruz, no Carballiño; José Manuel Álvarez tocará o violín na Igrexa de Santo Anxo, en Ourense, o día 8 de marzo; e Víctor Villagandos dará un concerto no Liceo de Ourense o 15 de marzo.
O Presidente da Deputación sinalou na presentación que “esta é unha gran oportunidade para continuar apoiando a internacionalización da Ribeira Sacra e un paso máis na suma de esforzos para consolidar a súa candidatura como Patrimonio da Humanidade, que esperamos que sexa unha realidade no ano 2021”.
Pola súa banda o representante da Xunta, Jacobo Sutil, director do AGADIC, destacou a traxectoria de descentralización do Festival “e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial de tanta riqueza como é a Ribeira Sacra lucense como un gran valor engadido a un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que se concedeu a Asociación de Festivais Europeos”.