Trátase dun dos humoristas máis novos de Galicia que conta con experiencia en varios programas da Televisión de Galicia e que vén de gañar recentemente o “Concurso de monólogos Helios” no que coincidiu con Leo Harlem.
Meixe presenta o seu show Quen aguanta isto?, unha reflexión cómica sobre tódolos aspectos do día a día que nos tolean. Quen aguanta isto? é un show dunha hora de duración cargado de risas, diversión e a retranca máis propia da nosa terra. Este monólogo non deixa indiferente a ninguén porque foi creado para empatizar con todas aquelas situacións que nos suceden a cotío e que nos rematan por superar.
A actuación será ás 22:00 h. no Parque de Santa Mariña e a entrada é de balde previa invitación que se pode conseguir cunha tarxeta selada tras consumir nos establecementos colaboradores de Sarria. Falamos con Pablo Meixe.
De novo, ‘de máis novo’ queremos dicir, eras o gracioso da clase?
Non te creas, era bastante reservado, todo o tema da farándula foime xurdindo cando comecei a facer teatro aos 14 anos. Polo menos podo dicir que era o gracioso do bachiller (risas).
“O primeiro monólogo na miña vila aos 17, tremía como un vimbio e o texto nin sequera era meu, pero arrincou risas”
Cando entrou nos teus plans vitais ser humorista e por que?
Foi algo escalonado pero constante, despois de perder o medo escénico fixen o primeiro monólogo na miña vila aos 17, tremía como un vimbio e o texto nin sequera era meu, pero arrincou risas. Pouco a pouco atrevinme a abrirme máis nas actuacións e a levar textos orixinais; ver ao público rindo e disfrutando co que ti lles contas é unha sensación moi enriquecedora e, sobre todo, aditiva.
“…se tivera que quedarme con un, eu decántome por David Perdomo, ten un estilo auténtico e empatiza moito coa audiencia”
Algún/s referente/s galegos e de fóra de Galicia que te motiven e inspiren?
Penso que hai grandes figuras galegas da comedia que chegaron moi lonxe e son para destacar como Luis Piedrahita ou Miguel Lago. Aínda que se tivera que quedarme con un, eu decántome por David Perdomo, ten un estilo auténtico e empatiza moito coa audiencia.
Como definirías o humor que levas a escena?
Foi variando lixeiramente a través dos anos (para ben, por sorte), comecei cun humor absurdo bastante intenso e agora vixío máis os ritmos e as pausas. Tamén fago un tipo de comedia moi xestual dando protagonismo á expresión corporal.
Estes últimos anos tes participado en programas da Galega, gústache o medio? Cóntanos a experiencia.
A verdade é que si, participei en varios programas de distintos formatos e todos teñen o seu aquel, sobre todo se os comparas coa forma de funcionar das demais canles nacionais. Cociñei con Larpeiros, fixen sketches con King Africa nos Aspirantes, fun copresentador en Pequenos Fenómenos da man de Xosé Manuel Piñeiro, todas foron experiencias únicas e especiais.
“Fixen un monólogo para só un señor que, inda por riba, ía cocido e nin escoitaba o que eu dicía”
A túa mellor e peor experiencia enriba do escenario ‘monologueando’?
A mellor probablemente foi cando gañei o ‘II Concurso de monólogos Helios’ acompañado de Leo Harlem, sentinme moi arroupado por todo o teatro e foi algo especialmente relevante para min. Peores teño unhas cantas, se teño que dicirche unha podo quedarme con aquel día que actuei en Sta Cristina despois da final do Champions e marchou todo Dios. Fixen un monólogo para só un señor que, inda por riba, ía cocido e nin escoitaba o que eu dicía; 30 minutos estivo mirando para unhas aceitunas, supoño que serían máis entretidas.
Que nos podes avanzar do espectáculo do vindeiro 1 de agosto en Sarria?
O mellor vouno reservar para os que poidan achegarse ese día, pero tratando sobre asuntos cotiás podo adiantarvos que será un constante de historias coas que todos nos sentimos identificados e sacarán risas a esgalla.